Skip to main content

Medio Ambiente presenta o borrador do Plan Estratéxico de Protección de Animais Domésticos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, presentou, no decurso da xuntanza do Consello Galego de Protección de Animais Domésticos, o borrador do Plan Estratéxico de Protección de Animais Domésticos para Galicia. Con esta iniciativa a Consellería de Medio Ambiente pretende avanzar nas medidas para garantir o benestar animal e a seguridade da poboación.

A presentación do borrador nesta xuntanza ten como obxectivo plantexarlle aos sectores implicados as liñas estratéxicas previstas nesta materia e promover o diálogo para que os interesados realicen as achegas que consideren oportunas. Trátase dun documento de traballo que Barreiro pretende consensuar e elaborar coas administracións e entidades relacionadas coa protección animal.

LIÑAS ESTRATÉXICAS

O Plan Estratéxico de Proteccion de Animais Domésticos para Galicia recolle unha serie de actuacións para avanzar na tenza responsable de animais domésticos, evitar o abandono, mellorar os soportes legais e administrativos e impulsar a divulgación e a sensibilización social neste eido.

Con estes obxectivos, a Consellería de Medio Ambiente traballará para mellorar o coñecemento da realidade actual de protección de animais domésticos e incrementará os recursos para garantir o benestar desta comunidade animal. Nesta liña, prevese estudar en detalle os abandonos e as causas que os motivan en Galicia e impulsar entre os concellos, como responsables da recollida de animais abandonados, unha rede de centros específica; afondar no control dos establecementos de animais domésticos e salvaxes en catividade; e avanzar na aplicación da legislación sobre o réxime xurídico de tenza de animais potencialmente perigosos.

A educación e sensibilización social ocuparán un lugar destacado neste programa de actuacións, xa que Medio Ambiente entende que só a través dunha conciencia ambiental formada se poderá garantir o cumprimento da lexislación e se avanzará no benestar animal e social.

AVANCES AMBIENTAIS

Na xuntanza do consello fíxose tamén unha análise xeral da situación actual dos animais domésticos na comunidade galega e dos avances acadados nesta materia nos últimos anos. Segundo os datos que manexa a Consellería de Medio Ambiente, máis de 200.000 cans teñen xa implantado o microchip obrigatorio, un elemento indispensable para impulsar a tenza responsable dos animais de compañía en Galicia.

O departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro realizou importantes esforzos para desenvolver a lexislación de protección de animais e a lexislación do réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Ademais, concedéronse axudas para a mellora e construcción de centros de recollida de animais abandonados e procedeuse á posta en marcha do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac). Tamén as campañas de sensibilización sobre a tenza responsable de animais se inclúen entre as actividades programadas pola Consellería de Medio Ambiente.

EXPEDIENTES

A Consellería de Medio Ambiente iniciou entre 2002 e 2005 un total de 98 expedientes de protección animal e outros 223 expedientes por tenza de animais potencialmente perigosos. Por provincias, na Coruña tramitáronse 33 documentos relativos a denuncias por incumprimento da lexislación de protección animal e 79 por cans potencialmente perigosos. En Lugo abríronse 19 expedientes pola primeira causa e 14 pola segunda, mentres que na provincia de Ourense a protección animal centrou 12 documentos e a tenza de animais potencialmente perigosos outros 10 procedementos. Pola súa banda, Medio Ambiente iniciou 34 expedientes en materia de protección animal na provincia de Pontevedra e outros 120 por tenza de animais potencialmente perigosos.

Cómpre salientar os esforzos que a Consellería de Medio Ambiente está a centrar para detectar os casos de maltrato ou desatención aos animais domésticos ou salvaxes en catividade. De feito, o departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro impuxo este ano a sanción máis elevada ata o de agora en materia de protección animal –que ascendeu a 6.000 euros- a un veciño que Boiro (A Coruña) que maltratou e aforcou ao seu can. Tamén é importante a conciencia ambiental que está a amosar a poboación galega, xa que este caso, como moitos outros deste tipo, foron detectados e denunciados polos propios cidadáns, sensibilizados coa defensa dos dereitos dos animais.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia