Skip to main content

A Consellería de Emprego colabora con Aetinape na prevención de riscos laborais no sector marítimo

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, e o presidente da Asociación Española de Titulados Naútico-Pesqueros (AETINAPE), José Manuel Muñiz, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades formativas en materia de prevención de riscos laborais.

En virtude deste acordo, AETINAPE realizará tres cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico de 50 horas, que serán financiados pola Consellería de Emprego con 18.000 euros. O contido dos cursos, que terán un mínimo de 15 alumnos cada un, adecuarase ás peculiaridades e necesidades dos traballadores do sector marítimo.

Entre as actividades formativas previstas están a visualización de vídeos de incendios e supervivencia, así como a realización dun módulo de sensibilización medioambiental no que se entrega un texto, un vídeo explicativo e temas específicos relativos á seguridade marítima. Ao finalizar os cursos, os alumnos recibirán un certificado que avale a superación do nivel básico en prevención de riscos laborais.

INTERESES COMÚNS

AETINAPE contempla entre os seus obxectivos a defensa dos intereses profesionais dos seus membros, a representación dos seus asociados en tódalas cuestións relacionadas coa profesión, así como a promoción social dos seus integrantes.

Neste sentido, a asociación considera fundamental participar na adecuación do sector marítimo-pesqueiro ás novas demandas da situación económico-social, así como que o traballo se preste nas mellores condicións posibles facilitando ás tripulacións o acceso á formación de nivel básico para o desenvolvemento das súas ocupacións.

A sinatura deste convenio inscríbese dentro das accións que desenvolve a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no eido da seguridade laboral para mellorar as condicións de traballo mediante a prevención de riscos laborais.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia