Skip to main content

Política Agroalimentaria financiará un proxecto da Fundación Monte do Gozo

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural asinou un convenio de colaboración coa Fundación Monte do Gozo co obxecto de mellorar a xestión e control técnico administrativo dos campos de ensaio e experimentación de hortofloricultura, co fin de acadar unha mellor capacitación nos mozos e a súa futura reinserción laboral na actividade agraria.

Preténdese así, a posta en marcha de campos de ensaio e demostración dirixidos a experiencias hortoflorícolas. O proxecto de experimentación comprenderá diversas fases entre as que destacan o establecemento de campos de ensaio de horticultura intensiva e extensiva en 2.000 metros cadrados de superficie baixo abrigo e 8.000 metros cadrados ao aire libre, sobre os cultivos de leituga, tomate, pemento, xudía, berenxena, pepino, repolo, col de bruselas entre outros. Ademais, introduciranse novos cultivos hortícolas e ornamentais que, xunto coas novas tecnoloxías, servirán aos alumnos do centro terapéutico de aprendizaxe cara a súa posterior incorporación ao mundo laboral.

A Fundación Monte do Gozo ten como obxectivo a atención á mocidade marxinada, promovendo o desenvolvemento de toda clase de actividades que contribúan á mellor defensa e protección dos seus beneficiarios.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia