Skip to main content

O conselleiro de Sanidade subliña o carácter solidario dos cidadáns a prol da doazón de sangue

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, fixo públicos os resultados das campañas de doazón de sangue do Centro de Transfusión de Galicia (CTG). O titular de Sanidade indicou que durante o pasado ano 2004, Galicia acadou un total de 123.886 doazóns de sangue, o resultado máis elevado obtido ata o momento e que sitúa a nosa Comunidade Autónoma como unha das de maior taxa de doazón de sangue (46 doazóns de sangue por cada 1.000 habitantes e ano).

Neste contexto, González Álvarez salientou que Galicia é a Comunidade Autónoma de maior crecemento acumulado na súa taxa de doazón de sangue, xa que pasou de 25 doazóns por cada 1.000 habitantes no ano 1992 ás 46 doazóns por cada 1.000 habitantes durante o pasado ano 2004, cun incremento do 79% no transcurso dos últimos doce anos.

DOAZÓNS DE AFÉRESE

O titular de Sanidade, que estivo acompañado durante a presentación de resultados, do director do Centro de Transfusión de Galicia, o doutor Roberto García Villaescusa, salientou o papel fundamental que tivo a creación do Centro de Transfusión de Galicia como organismo encargado da xestión da hemodoazón na Comunidade autónoma galega.

Neste contexto, González Álvarez destacou os importantes avances acadados polo programa de hemaférese, xa que Galicia é a Comunidade Autónoma española con maior número de procesos por este sistema de doazón cun total de 10.438 doazóns no ano 2004. Esta forma diferente de doar compoñentes do sangue contribúe a mellora-la calidade dos compoñentes sanguíneos, que posteriormente se utilizan nos hospitais galegos para o tratamento de enfermidades como o cancro e a leucemia e nos transplantes de medula ósea.

AGRADECEMENTO

Pola súa banda, o director do CTG, Dr. Roberto García Villaescusa, manifestou o seu agradecemento a tódalas persoas, asociacións e institucións que teñen colaborado nas campañas informativas, especialmente a Federación Galega de Doadores de Sangue e destacou o papel dos medios de comunicación na información relacionada con este xesto solidario.

Neste punto, o Conselleiro de Sanidade tivo palabras de agradecemento para todos os cidadáns que colaboraron, doando sangue, a paliar as terribles consecuencias do atentado do 11 de marzo en Madrid e que permitiu o envío de case 1.000 doazóns aos centros sanitarios madrileños.

Así mesmo, lembrou que as necesidades de compoñentes sanguíneos continuarán a incrementarse durante o presente exercicio, no que está previsto que os hospitais galegos precisen máis de 125.000 doazóns para levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial.

OBXECTIVOS 2005

O conselleiro de Sanidade salientou que o CTG está na vangarda científica en materia de hemodoazón e hemoterapia, coa aplicación da tecnoloxía máis avanzada no ámbito de seguridade transfusional e de investigación científica. Neste punto, indicou que o CTG atópase inmerso nun constante proceso de mellora tanto a nivel de persoal coma infraestrutural, para permitir ofrecer o mellor servizo á cidadanía.

Neste contexto, o director do Centro de Transfusión de Galicia indicou que estanse a incrementar as medidas no ámbito da seguridade transfusional (técnicas NAT) e que no último ano CTG aumentou considerablemente a distribución aos centros sanitarios galegos de plasmaderivados (gammaglobulina, factor VIII, Albumina) elaborados a partires de doazóns de sangue altruístas rexistradas en Galicia.

CONVENIO DE COLABORACIÓN

Dentro do ámbito da investigación científica que desenvolve o Centro de Transfusión de Galicia, o conselleiro de Sanidade lembrou que recentemente se ten asinado un convenio de colaboración entre o CTG e o National Cord Blood Bank of New York Blood Center. Este acordo permitirá o intercambio científico entre profesionais deste centro norteamericano e do CTG, así como o desenvolvemento de accións investigadoras conxuntas en torno ao estudo das células do sangue procedentes do cordón umbilical.

En virtude deste convenio, o CTG e o National Cord Blood Bank of New York Blood Center promoverán novas liñas de investigación científica en materia de tipaxe HLA e de sangue de cordón umbilical, un elemento terapéutico de orixe humana que permite o tratamento de numerosas enfermidades como o cancro ou a leucemia.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)