Skip to main content

Alberto Núñez Feijóo, vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, nos Almorzos On/Off

Alberto Núñez Feijoo, Vicepresidente primeiro e Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, estará o martes día 3 de maio nos “Almorzos ON/OFF” que organiza o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a través da súa demarcación da Coruña. A Fundación Luís Seoane na Coruña (rúa San Francisco s/n) acollerá unha vez máis este encontro, cuia rolda de prensa terá lugar ás 10.30 horas.

Núñez Feijoo, nado en Ourense en 1962, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi con anterioridade Director Xeral de Correos e Telégrafos, Presidente Executivo do Insalud, Secretario Xeral de Asistencia Sanitaria do Ministerio de Sanidade e Consumo, Secretario Xeral do Servizo Galego de Saúde e Secretario Xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Socias da Xunta de Galicia.

En 1985 ingresou na Administración autonómica de Galicia, sendo membro do corpo superior da Administración xeral da Xunta. Foi nomeado Conselleiro de Política Territorial e Vivenda no 2003, e vicepresidente primeiro da Xunta en setembro de 2004.

Nuñez Feijoo continúa o ciclo de “Almorzos ON/OFF” na Coruña, que contará con Anxo Quintana, portavoz nacional do BNG, o vindeiro xoves día 5 no mesmo horario no que se veñen celebrando estes encontros e dentro dos actos organizados con motivo da semana pola liberdade de prensa.

Carlos Varela, Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza; o economista, Guillermo de la Dehesa; Luís García Mañá, Xefe Superior da Policía; o director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet e o secretario de organización e coordinación do PSOE, José Blanco, tamén estiveron presentes nestes actos nos que se pretende fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas. Este ciclo de encontros conta coa colaboración da Fundación Luís Seoane e continuará en vindeiras semanas coa presenza de diversos convidados que se irán anunciando en posteriores convocatorias e a través da páxina web do Colexio.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia