Skip to main content

Medio Ambiente promove a concienciación dos escolares para previr os incendios

A Consellería de Medio Ambiente pon en marcha a segunda edición da campaña escolar de sensibilización ambiental sobre os incendios forestais dirixida a colexios do eido rural de toda Galicia. Esta acción formativa, que se impartirá nun total de 50 centros de educación, inclúe a realización de charlas e actividades de animación e a convocatoria dun concurso de debuxo. O obxectivo deste completo programa é concienciar aos escolares da necesidade de coidar os montes e previr os lumes forestais.

Na xornada de mañá iníciase a primeira fase da campaña, consistente no desenvolvemento das charlas informativas. Os colexios que acollerán mañá a iniciativa serán o CPI de San Vicente, no concello da Baña (A Coruña); o CEIP Monte Valiño, en Pantón (Lugo); o CPR Eduardo Pondal, en Cangas do Morrazo (Pontevedra) e o CEIP de Seixalbo, no municipio Seixalbo (Ourense). En total, nesta edición participarán 8 colexios da provincia da Coruña, 8 de Lugo, 17 de Ourense e 17 de Pontevedra. Trátase de centros situados en concellos das zonas rurais máis afectadas polos lumes forestais en Galicia.

CONCURSO E ANIMACIÓN

Paralelamente ao desenvolvemento das charlas abrirase o prazo de presentación de debuxos para que os alumnos dos colexios participantes tomen parte no concurso “O teu monte a nosa cor”. Trátase dunha actividade complementaria que ten como tema central o monte e no que cada rapaz poderá ofrecer a súa visión do medio natural que coñece de preto.

O concurso establece tres categorías distintas. Na primeira, dirixida a alumnos de primeiro ciclo, poderán participar nenos de entre 6 e 7 anos; mentres que na segunda, destinada ao segundo ciclo, poderán tomar parte rapaces de entre 8 e 9 anos, e na terceira escolares de 10 e 11 anos -terceiro ciclo-. Cada colexio seleccionará 10 debuxos por ciclo e, posteriormente, efectuarase a recollida nos centros, que terá lugar nunha data aínda a determinar entre finais de maio e principios de xuño. Os galardóns consistirán nun premio por categoría de 400 euros en material escolar, dos cales 300 euros serán para o centro escolar e os outros 100 para o alumno. Ademais, os 10 finalistas e semifinalistas de cada grupo recibirán un obsequio conmemorativo.

As xornadas de animación comezarán a desenvolverse de forma simultánea ás charlas a partir da segunda semana do mes de maio. Encargarase de impartilas un grupo de actores, que realizarán unha pequena representación teatral ao comezo ou remate das clases ou ben en horario de recreo. A representación consistirá nunha caracterización de exemplares arbóreos.

EDUCACIÓN

Esta campaña de sensibilización ambiental contra os incendios ten como obxectivo principal educar á poboación máis nova, herdeira do futuro medioambiental de Galicia, no respecto ao contorno natural a través da súa concienciación na prevención dos lumes. Por isto, a iniciativa está dirixida aos escolares -de entre 6 e 16 anos de idade- do eido rural, especialmente naquelas zonas máis afectadas polos incendios. Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente pretende espertar entre o colectivo escolar a necesidade de reflexionar sobre a riqueza do monte e, consecuentemente, de protexer os seus valores.

O programa enmárcase no conxunto de accións preventivas postas en marcha pola Xunta de Galicia dentro do Plan Infoga e no que se inclúen relatorios sobre protección do monte, prevención de incendios forestais e desenvolvemento sostible.

BALANCE

Na pasada edición da campaña participaron 2.904 alumnos de 32 centros de primaria, dos que 1.451 eran nenos da Coruña, 169 de Lugo, 207 de Ourense e 1.077 de Pontevedra. Ademais, 631 rapaces presentaron as súas creacións no concurso de debuxos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia