Skip to main content

Educación potencia o uso do galego nos centros de ensinanza relixiosos

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, asinou un convenio co secretario rexional da Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos (FEREGA-CECA), José Luís Baños González, para potenciar o uso do galego nos centros de ensinanza relixiosos.

Por medio deste acordo está previsto que FEREGA-CECA e os centros asociados usen a lingua galega no material e na documentación administrativa, divulgativa e informativa. Apoiarase tamén a celebración de encontros, xornadas, cursos ou seminarios que promovan o uso tanto oral como escrito do idioma galego entre o persoal docente e da administración.

Este convenio favorecerá, entre outras actividades, a aprendizaxe do galego entre o alumnado realizando campañas de promoción, concursos, visitas de autores galegos ou intercambios con centros educativos.

Darase pulo á participación dos centros en actividades que organicen outras institucións e que teñan por finalidade a promoción da lingua e da lectura galegas e todo o material pastoral (CD´s, libros de oracións, partituras ou textos) distribuiranse tamén en galego.

O titular de educación manifestou a importancia deste convenio para conseguir que o galego sexa a lingua operativa do ensino como un paso máis da normalización lingüística en toda a sociedade galega.

Celso Currás salientou que no proceso de normalización hai que xuntar esforzos para que o galego sobreviva no marco do plurilingüismo, xa que a lingua, en definitiva, é un signo de identidade e un nexo interxeracional.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia