Skip to main content

Educación construirá un novo colexio de infantil e primaria no concello ourensán de Barbadás

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, e o alcalde do concello ourensán de Barbadás, José Manuel Freire Couto, asinaron un convenio para a construción dun novo centro de Infantil e Primaria no municipio, que será o segundo dirixido a estas etapas con que contará a localidade.

Segundo o acordo acadado entre a consellería e o concello, a construción do centro comezará canto antes, a fin de que estea preparado para entrar en funcionamento no curso 2006/07.

O Concello de Barbadás pon a disposición da Consellería de Educación unha parcela de 10.000 metros cadrados para a construción da nova edificación. A inversión prevista achegarase aos dous millóns de euros, en función do número de unidades que finalmente se determinen.

O centro disporá de todas as infraestruturas necesarias para un perfecto desenvolvemento da actividade educativa e formativa, tales como aula de usos múltiples, biblioteca, ximnasio, vestiarios, pista polideportiva e comedor de Apas.

POBOACIÓN MOZA

Co novo centro o concello de Barbadás terá atendidas toda as súas necesidades educativas en Infantil e Primaria nos próximos anos, dado que se tiveron en conta as expectativas de crecemento demográfico do mesmo no futuro.

De feito, Barbadás é na actualidade un dos concellos que maior crecemento experimentan de toda Galicia, por tratarse dun núcleo de poboación que recibe moitas parellas mozas con nenos pequenos ou en idade de converterse a curto prazo en pais e nais. Dáse a circunstancia de que un 35 por cento da poboación actual de Barbadás ten unha idade comprendida entre 20 e 40 anos.

A sinatura do convenio pon de manifesto a sensibilidade da Consellería de Educación para satisfacer da mellor forma posible as demandas educativas que lle formulan os concellos galegos, e moi especialmente aqueles cuxo crecemento fai imprescindible dispoñer de dotacións suficientes para as primeiras etapas da ensinanza, como é o caso de Barbadás.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia