Skip to main content

José Blanco: a cidadanía decidirá co seu voto o goberno máis convinte para Galicia

“Fraga ofrece a Galicia o que ten, que é moito pasado e pouco futuro, e Emilio Pérez Touriño ofrece futuro, progreso fronte a inmobilismo, avance fronte a retroceso”, sinalou o secretario de Organización dó PSOE, José Blanco, nun dous Almorzos On/Off que organiza a Demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Sobre se o cambio se fará sobre unha coalición do seu partido co BNG, Blanco engadiu que “haberá cambio porque a cidadanía sabe o que lle convén. O 14 de marzo os cidadáns votaron contra unha forma prepotente de usar o poder, e quixeron facelo sen que o PSOE tivese maioría absoluta para que fose imprescindible o diálogo. Aquí, a cidadanía decidirá co seu voto o goberno máis convinte para Galicia”.

Sobre a polémica sobre o investimento do Goberno central en infraestruturas en Galicia, Blanco dixo que “tenta agachar o feito de que os orzamentos do Estado para 2005 son os máis altos da historia de Galicia. O que está a practicar a Xunta é o engano e a mentira masiva, que foi unha das causas da derrota do PP en España”. “O Goberno de Aznar e Rajoy o que fixo foi destinar a maioría das inversións ó eixe mediterráneo. Se Cataluña e Valencia teñen AVE non é porque nos obrigase ERC, senón porque así o dispuxera o goberno do PP, co silencio de Manuel Fraga”.

Igualmente, sobre a polémica da proposta de finanzamento de Catalunya, Blanco recoñeceu “non estar de acordo coa proposta, pero é unha proposta de reforma, que se deberá negociar na Conferencia de Presidentes Autonómicos”, e sinalou que “todas as comunidades queren unha reforma do financiamento, pero as gobernadas polo PP só fan críticas, non suxestións”.

Sobre as denuncias das presuntas irregularidades na adquisición da casa do alcalde coruñés, o socialista Francisco Vázquez, o secretario de organización do partido comentou: “O alcalde fixo o que tiña que facer, deu explicacións, e a fiscalía [a fiscalía especial para delitos contra o Patrimonio] abriu unha investigación, hai que ser respectuosos con esa actuación, e cando a fiscalía tome unha decisión hai que compartila, como non pode ser doutra forma, porque nun estado de dereito, todos os cidadáns teñen dereito á presunción de inocencia”.

Con José Blanco continúa o ciclo de “Almorzos On/Off” iniciado xa hai uns meses e que contou coa participación do Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela; o economista Guillermo de la Dehesa; o Xefe Superior de Policía de Galicia, Luís Manuel García Mañá e co director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet.

Este ciclo de encontros conta coa colaboración da Fundación Luis Seoane e continuará en vindeiras semanas coa presenza de diversos convidados que se irán anunciando en posteriores convocatorias e a través da páxina web do Colexio.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia