Skip to main content

Estudantes de galego cataláns visitan Galicia

O director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, recibiu a 52 estudantes e 10 profesores de Cataluña que cursan estudios de galego como materia optativa en institutos de Ensino Secundario.

Trátase de estudiantes, algúns descendentes de galegos, que están matriculados nos institutos “Margarida Xirgu”, “Sant Just Desvern”, “Narcís Monturiol” e no “San Josep de Calassanç”. Todos eles chegaron a Galicia e estarán de visita ata o vindeiro sábado, día 7, aloxados no Albergue Xuvenil de Gandarío (A Coruña).

Este encontro fíxose posible grazas ao convenio que asinou a Administración Educativa galega coa Generalitat co fin de propiciar o coñecemento do idioma galego alén das nosas fronteiras. Este é o terceiro ano que se convoca debido á gran acollida que está tendo esta iniciativa entre o alumnado catalán.

O director xeral de Política Lingüística deu a benvida á representación catalana de visita en Galicia e lembrou a importancia deste proxecto para establecer relacións entre ambos pobos.

González Moreiras tivo unhas palabras de agradecemento tanto para os docentes como para os estudantes, que malia a carga lectiva que soportan elixiron o galego como materia optativa para estudar. E para os profesores que día a día teñen que resolver multitude de problemas co fin de levar á práctica este proxecto.

Así mesmo, o director xeral falou da participación, do diálogo, do agarimo e da convivencia como xeito que ten a Administración que dirixe de promover o idioma galego, facendo da lingua unha bandeira de comunicación, de paz, de colaboración e de integración, tanto en Galicia como en Cataluña.

EXCURSIÓNS PREVISTAS

Ademais de ser recibidos polos representantes da Administración Educativa visitarán os arredores de Santiago de Compostela e irán á Casa Rosalía, en Padrón.

O mércores, teñen previsto pasar o día en Cambados. Pola mañá teñen previsto facer un intercambio cos alumnos do IES “Francisco Asorei” e pola tarde visitarán a zona pontevedresa. O xoves, día 5, o programa levaraos ata os castros de Viladonga, en Lugo e pola tarde visitarán a cidade da muralla. O venres, día 6, rematarán a súa estancia visitando os monumentos máis emblemáticos da cidade da Coruña. Ao día seguinte voltarán a Cataluña.

No acto de hoxe, o director xeral de Política Lingüística ofreceulles un agasallo composto por un conxunto de material lingüístico, composto unha escolma de textos dos persoeiros aos que se lles dedicou o día das letras galegas, titulada De Rosalía a Lorenzo Varela, 1963-2005 máis un DVD Letras Galegas 2005, Lorenzo Varela e un CD-Rom sobre a figura deste profesor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia