Skip to main content

A Xunta de Galicia e a República de Mauricio identifican sectores nos que cooperar no desenvolvemento da pesca

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, mantivo unha xuntanza de traballo cunha delegación oficial da República de Mauricio en Santiago. A partir desta visita, que se prolongará ata o venres, as administracións de Galicia e de Mauricio identificarán as areas do sector pesqueiro adecuadas para lanzar posibles proxectos de cooperación internacional.

A delegación da administración e da industria pesqueira de Mauricio está
encabezada polo secretario permantente do Ministerio de Pesca, Premhans
Jhugroo. Os representantes deste país situado no Oceáno Índico mostráronse
hoxe especialmente interesados en aprender da experiencia galega na
modernización da pesca artesanal, para o que visitarán varias localidades
costeiras.

Por súa banda, o conselleiro de Pesca realizou unha presentación para os
representantes deste país do Oceáno Índico das características da industria
pesqueira galega e do seu gran potencial para desenvolver novas iniciativas
en augas internacionais.

Veiga e Jhungroo intercambiaron información sobre a relación pesqueira
entre os dous países, pois barcos palangreiros e conxeladores de atún
faenan nesta zona do Oceáno Índico. A relación entre Galicia e Mauricio
tamén abrangue a toponimia, xa que varios accidentes xeográficos deste país
están bautizados con nomes de orixe galego.

Programadas visitas a Camabados, Vigo e Arousa.-

Co fin de que a delegación de Mauricio coñeza de primeira man as
actividades nas que Galicia podería cooperar co seu estado, a Consellería
de Pesca organizou unha serie de visitas a diferentes localidades
costeiras. Así, este mesmo martes, 3 de maio, está previsto que Premhans
Jhugroo e os seus acompañantes visiten o porto e a lonxa Cambados a partir
das 16:15 horas.

A xornada do mércores, 4 de maio, estará adicada a coñecer a capacidade
dos centros da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para asesorar e
formar a técnicos de Mauricio. Con este obxectivo, a delegación acudirá ó
Instituto Politécnico de Vigo (9:00 horas), ó Instituto Galego de Formación
en Acuicultura na Illa de Arousa (11:45 horas) e o Centro de Investigacións
Mariñas en Vilanova de Arousa (16:30 horas).

Os directivos de Mauricio visitarán o porto e a lonxa de Vigo o xoves,
día 5. Para esta data está previsto que establezan contactos con directivos
de empresas de armadores con intereses en augas internacionais e coa
asociación de conserveiros ANFACO.

Por último, o venres, día 6, a delegación coñecerá a Ría de Arousa
acompañada polo director do Instituto Tecnolóxico do Mar, Juan Maneiro.
Está previsto que visiten o INTECMAR a partir das 12 horas.

A política de cooperación da Consellería de Pesca.-

A visita da delegación gubernamental e de negocios de Mauricio forma
parte da intensa política internacional da Consellería de Pesca. O
obxectivo desta política é apoiar o progreso doutros pobos e asemade,
contribuir a estreitar as relacións coas administracións dos países nos que
operan empresas pesqueiras de capital galego. Indonesia, Honduras, El
Salvador, Nicaragua, Guatemala, Ecuador, Brasil, Perú, Chile, Mauritania
son os estados cos que a Xunta de Galicia asinou acordos de cooperación en
materia pesqueira ou lanzou proxectos de axuda ó desenvolvemento neste
sector.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia