Skip to main content

Barreiro visita as obras de mellora da rede de saneamento do concello de Cambre

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, achegouse ata o municipio de Cambre para coñecer o estado das obras hidráulicas que desenvolve o seu departamento. Barreiro visitou os traballos de ampliación e mellora dos bombeos e impulsións de Ponte de Cela e do Temple, nos que a Consellería de Medio Ambiente, a través da Administración Hidráulica de Galicia, inviste máis de 2,3 millóns de euros.

As actuacións que está a realizar Medio Ambiente enmárcanse no Plan de Saneamento e Recuperación do Contorno das Rías da Coruña e O Burgo e concellos limítrofes, cuxo orzamento global chega a case 148 millóns de euros. Concretamente, os proxectos previstos para o municipio de Cambre suporán un investimento de preto de 8 millóns de euros. No decurso dos actos o conselleiro de Medio Ambiente estivo acompañado polo alcalde de Cambre, Antonio Varela Saavedra.

OBRAS EN EXECUCIÓN

Na actualidade estanse a executar os traballos para mellorar os bombeos e impulsións de Cambre en Ponte de Cela e Temple, obras nas que se ten en conta a situación actual do concello e as futuras demandas de saneamento do municipio, en función do seu crecemento. Os traballos consisten na construción dunha nova estación de bombeo de augas residuais e dunha nova impulsión do bombeo en Ponte de Cela.

No Temple tamén se creará unha estación de bombeo de augas residuais, na que logo se instalará un sistema de novo.

ACTUACIÓNS LICITADAS

No decurso da visita, Xosé Manuel Barreiro asistiu á presentación, a través dun avanzado sistema de navegación, do total de actuacións en materia de saneamento previstas pola Consellería de Medio Ambiente para Cambre. Segundo se explicou, xa están licitados os proxectos de construción dun colector de marxe do río Mero –cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros- e a creación da rede de colectores secundarios e plantas depuradoras no municipio –para o que se investirán máis de 3,2 millóns de euros-.

A primeira obra consistirá na implantación de dous colectores que permitan conectar as augas residuais sen canalizar á rede de saneamento do municipio, ao tempo que se mellorarán as infraestruturas de bombeo da Telva. En total instalaranse máis de 9.000 metros de colectores. O colector norte recollerá as augas dos núcleos de Lendoiro, Voletiero, Pomba, Pastel, Cobelo e Fraiz, mentres que o colector do río Mero canalizará as augas residuais de Mota, Aldea de Arriba, Pazo, Sobreguexe, Fraiz, Piñeiro, Apeadero e Canal.

Por outra banda, o plan de saneamento deseñado establece a ampliación da rede de colectores secundarios e plantas depuradoras. Esta actuación consiste en acometer as obras precisas para a construción de varios tramos de colectores secundarios distribuídos en catro zonas distintas: Altamira, Xira, Drozo e Castrobó; Gonsende e Mercurín; Peiraio e Breixo; e Armental e Pravio.

Xunto con esta infraestrutura tamén se instalarán tres novos bombeos en Castrobó, Fraguiña e Galiñeiros e construirase unha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Mercurín.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia