Skip to main content

Manuel Fraga valora a promoción do galego como un asunto especialmente cohesionador da nosa sociedade

A unanimidade acadada no Parlamento de Galicia para a aprobación, en 1983, da Lei de normalización lingüística e, en 2004, do Plan Xeral de normalización da lingua galega supuxo unha manifestación do grao de cohesión que se acada na Comunidade Autónoma á hora de promover o uso do galego. Así o expuxo o presidente da Xunta, Manuel Fraga, durante a presentación do libro Palabras de Lei. Galeguizar Galicia, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela e no que un grupo de xuíces, fiscais e funcionarios aproveitaron a ocasión para presentar unha campaña de promoción do uso do galego no ámbito xudicial.

Manuel Fraga valorou “o compromiso profesional coa lingua maioritaria dos galegos” mostrado por estes profesionais e avogou porque esta iniciativa “sendo pioneira na posta en marcha do Plan de normalización, teña continuidade” e sirva de exemplo para outros sectores estratéxicos, animándoos a impulsar accións encamiñadas a xeneralizar o uso do galego nos máis diversos ámbitos da comunidade, dando cumprimento así a todas as medidas recollidas no citado plan.

MEDIDAS DE IMPULSO

A incorporación de programas informáticos para facer posible a tramitación xudicial en galego, a publicación de corpos legais básicos, o apoio a uso da lingua propia de Galicia nas facultades de Dereito, nas escolas de práctica xurídica e nos colexios de avogados e procuradores, así como a xeneralización do uso deste idioma nos servizos xurídicos da Administración autonómica e no Centro de Estudos Xudiciais e de Seguridade Pública de Galicia, son algunhas das accións que, segundo anunciou o presidente da Xunta, se van a impulsar de xeito inmediato para contribuír á normalización do galego no ámbito xudicial. A estas medidas engádense outras múltiples accións para promover o uso da lingua galega en todos os sectores de Galicia.

Neste sentido, Manuel Fraga lembrou que a “peculiar” realidade lingüística de Galicia, definida no Plan Xeral de normalización como a “dunha lingua presente incluso na maior parte das persoas que nunca a falan”, está na base do éxito do proceso normalizador que se está a dar en Galicia, polo que mostrou as súas esperanzas de que o desenvolvemento do citado plan constitúa “o pulo definitivo para a consolidación da lingua galega”.

Con este obxectivo, unha vez presentado o libro, o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, e o titular de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás, asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover o uso do galego na Administración de Xustiza en Galicia. Segundo se recolle neste acordo, a Consellería de Xustiza facilitará asesoramento lingüístico aos funcionarios dos xulgados e fiscalías, instalará o programa LIBRA traducido ao galego nos equipos informáticos dos xulgados así como outras aplicacións que poidan facilitar o proceso de normalización lingüística no ámbito xurídico. Así mesmo, o Centro de Estudos Xudiciais e de Seguridade Pública de Galicia procederá á galeguización das súas actividades, tanto na formación de policías como do persoal de Xustiza.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación encargarase da coordinación dos traballos para establecer un estándar lingüístico para usos xudiciais e elaborará un manual de estilo para facilitar o uso do galego por parte do persoal dos órganos xurisdicionais e da fiscalía.

COMPROMISO

A obra Palabras de Lei. Galeguizar Galicia é unha mostra do compromiso de numerosos membros da Administración de Xustiza co galego, un compromiso que se plasma no seu intento de que este idioma sexa de uso normal nas comunicacións orais e escritas da xustiza e que mostran publicamente nas páxinas desta obra. Nela, 22 membros da Administración de Xustiza, desde o fiscal-xefe do TSXG ata o secretario do Xulgado de Instrución nº 6 de Vigo, pasando por maxistrados, xuíces, fiscais e diversos funcionarios xudiciais, mostran en cadanseu artigo a súa experiencia co galego na súa vida e na súa actividade profesional, facendo o firme propósito de traballar para, como indica o Fiscal Xeral do Estado nun dos prólogos de Palabras de Lei, “facer da lingua galega un vehículo natural de traballo xurídico”.

Ademais dos citados artigos, o libro conta con prólogos de Manuel Fraga, de Cándido Conde-Pumpido, dos conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria e de Xustiza, Interior e Administración Local e cun prólogo colectivo da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística de Galicia –autora da obra–, elaborado por Xosé González Martínez, Xoaquín Monteagudo Romero e Xosé M. Rodríguez Abella.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA PRESENTACIÓN DA CAMPAÑA DE NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA NO ÁMBITO XUDICIAL E DO LIBRO PALABRAS DE LEI. GALEGUIZAR GALICIA

- “A restauración do status xurídico do galego no noso Estado constitucional e democrático permitiu que xuíces, fiscais, avogados e procuradores empezasen a utilizalo nos actos xurídicos e xudiciais. É certo que a decisión dos que xa hai anos utilizan a lingua galega nos tribunais nace antes dun compromiso persoal que dunha obrigatoriedade directamente imposta (...) Esta pacífica aceptación da restauración do galego como lingua da actividade xudicial podería sorprender a quen non coñeza ben a realidade lingüística de Galicia, realidade peculiar que se define na presentación do Plan Xeral de Normalización como a dunha lingua presente incluso na maior parte das persoas que nunca a falan”.

- “A unanimidade parlamentaria é, por lóxica, algo infrecuente pero, cando se acada, indícanos a todos que o tema que a provoca forma parte do que a sociedade recoñece como de todos, como indiscutible, como algo esencial. E temos que constatar que esa unanimidade tamén se produciu cando se debateu e aprobou a Lei de normalización lingüística en 1983. A promoción do galego é, polo tanto, un asunto especialmente cohesionador da nosa sociedade”.

- “O afortunado acontecemento de que un grupo selecto de xuíces, fiscais e funcionarios xudiciais anuncie con ocasión da presentación do libro Palabras de Lei. Galeguizar Galicia, o seu compromiso profesional coa lingua maioritaria dos galegos (...) constitúe unha sinerxía ventureira que debe servir para que o galego, como lingua de uso normal en todos os tribunais de Galicia, sexa pronto unha realidade, e que ese proceso sirva de exemplo de normalización para outros sectores estratéxicos”.

- “Felicitémonos todos por esta iniciativa e fagamos votos para que, sendo pioneira na posta en marcha do Plan de Normalización, teña continuidade en accións de cada un dos grupos que, con tanto ánimo, están a desenvolver progresivamente esas 445 medidas previstas no mesmo, nas que temos postas as nosas esperanzas de que constitúan o pulo definitivo para a consolidación da lingua galega”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia