Skip to main content

A Consellería de Emprego destina 13.800€ á prevención da siniestralidade na Hostalaría Lucense

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiará con 13.800 euros actividades destinadas a reducir a sinistralidade do sector hostaleiro na provincia de Lugo. Así o establece o convenio de colaboración asinado entre a titular do departamento, Belén Prado, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelaría de Lugo, José Francisco Real Castro.

A finalidade do acordo é promocionar a prevención de riscos e contribuir á formación e información dos empresarios do sector, co fin de que asuman con medios propios a organización preventiva das súas empresas. Con este obxecto, financiaranse catro xornadas técnicas sobre seguridade e saúde laboral que se celebrarán en distintas localidades da provincia ao longo do presente ano.

NORMATIVA VIXENTE

A normativa vixente sobre seguridade e saúde no traballo, constituída pola Lei de prevención de riscos laborais, oriéntase a garantir a seguridade e a saúde dos traballadores no ámbito laboral. A aplicación eficaz desta normativa require necesariamente o coñecemento das técnicas e accións preventivas axeitadas a cada situación de traballo.

Entre estas medidas, ten especial relevancia o coñecemento dos riscos e das medidas que poden evitalos, obxectivo que só pode acadarse por medio da información e a formación dos traballadores sobre seguridade e saúde. Nesta tarefa, as organizacións empresariais e sindicais deben desenvolver un papel protagonista e determinante, tal e como se desprende da súa autonomía para establecer e modular o marco das relacións laborais. É precisamente por este motivo que a Xunta considera de interese colaborar cos hostaleiros, de cara a mellorar os índices de sinistralidade no sector.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia