Skip to main content

A Consellería de Pesca inviste preto de 500.000 euros no Plan de Porto de Vigo

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, presentou o Plan de Porto de Vigo nun acto celebrado na confraría de pescadores da cidade. López Veiga e o patrón maior, José Antonio Tizón, rubricaron o documento polo que a Xunta de
Galicia investirá preto de 500.000 euros. Así, o Goberno galego ten previsto adquirir, entroutros equipamentos, un travelling con capacidade para elevar embarcacións de ata 100 toneladas. Ademais, dotará á lonxa dun novo sistema automatizado de poxa e habilitará unha aula de formación no local da confraría.

50 barcos de cerco beneficiaranse do travelling para realizar as tarefas de limpeza, pintado e reparación.-

A Consellería de Pesca destinará a maior partida orzamentaria do Plan á
instalación dun travelling na zona de Lagoa-Teis. Trátase dun pórtico
automotor sobre neumáticos cunha capacidade de elevación de 100 toneladas,
grazas ó cal arredor de 50 barcos de cerco poderán levar a cabo as tarefas
de limpeza, reparación e pintado. O novo servizo manterá as embarcacións
nun mellor estado, polo que se contribuirá ó incremento das condicións de
seguridade no mar. A Xunta destinará 315.500 euros á súa instalación.

Ampliación e informatización da lonxa.-

O Plan de Porto de Vigo mellorará e axilizará significativamente a
xestión da lonxa de Canido grazas a un sistema de poxa automatizado. A
Consellería de Pesca instalará un panel de subasta e adquirirá un novo
equipo de software para facilitar as operacións de poxa. Tamén está
previsto dotar á lonxa dun novo sistema de video vixilancia e dunha unidade
de pesaxe, que contará cunha nova báscula e unha etiquetadora.

Outra das actuacións que se levará a cabo é o acondicionamento interior
da lonxa de Canido, así como a súa ampliación en 30 metros cadrados, que se
dotarán de vestiarios, duchas e taquillas para os traballadores. A Xunta
destinará a estas iniciativas máis de 80.000 euros.

O Goberno galego ten entre os seus obxectivos promover o relevo
xeracional na flota de baixura. Para contribuir a elo, o Plan de Porto de
Vigo ten previsto acondicionar novas aulas na confraría de pescadores, onde
se facilitará formación continua ós mariñeiros. As salas estarán dotadas de
material informático e outros equipamentos.

Finalmente, o conselleiro de Pesca anunciou a adquisición dun vehículo
isotermo, destinado a trasladar a outras lonxas as especies capturadas
polos mariscadores e a flota de enmalle cando non é posible a súa
comercialización en Vigo. Deste xeito, se a demanda nesta lonxa é escasa ou
nula, evítase chegar a prezos excesivamente baixos coas perdas económicas
que isto conleva.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia