Skip to main content

O Sergas asina o convenio co concello de O Pino para a construcción dun novo centro de saúde

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) construirá un novo Centro de Saúde no concello do Pino co que se triplicará a superficie destinada a uso sanitario. Así, deuse o primeiro paso coa sinatura dun convenio de cooperación entre o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez; e o alcalde deste Concello, Manuel Taboada Vigo.

Por mor deste convenio, este centro construirase nunha parcela de 5.030 metros cadrados sita no lugar de Arca; e realizarase un investimento de 1.271.057 euros na edificación dos 1.176 metros cadrados construídos cos que contará este instalación sanitaria, tres veces máis co actual local sanitario de 375 metros cadrados. Inclúense no seu programa funcional tres consultas de Medicina Xeral, dúas salas de Enfermería, unha consulta de pediatría, unha de matrona, e unha de Enfermería Pediátrica.

Na actualidade, as 4.055 persoas que reciben atención primaria neste concello -3.654 adultos e 401 rapaces en idade pediátrica- contan cun centro de saúde no que desenvolven o seu traballo dous facultativos, un ATS, unha matrona, e un pediatra.

Así, trala sinatura, o concello do Pino pon a disposición do Sergas a parcela mencionada coa clasificación de uso sanitario e compromiso de ter resolto tódolos aspectos urbanísticos; e, pola súa banda, o SERGAS elaborará, supervisará e aprobará o proxecto técnico, e encargarase da contratación para a dirección e execución das obras do centro de saúde. José Manuel González Álvarez, trala sinatura do convenio, desprazouse co titular do concello para ver os terreos onde se construirá o novo centro de saúde.

OUTROS SERVIZOS PARA O CIDADÁN NESTE CONCELLO

Por outra banda, a poboación do concello do Pino benefíciase, xa dende o ano 2001, nas instalacións sanitarias actuais da descentralización do sintrom, mediante a extracción no propio centro sen se ter que desprazar ao Hospital de referencia. Lembrar que o sintrom é unha medicación de efecto anticoagulante para evitar a repetición de episodios coronarios ou accidentes cerebrovasculares. A súa dosificación e control precisa dun seguimento periódico -de continuidade diversa segundo cada caso- polo que os usuarios sometidos a esta terapia vense na obriga de facer de xeito continuado análises para o seu seguimento e posterior establecemento de novas pautas terapéuticas.

Este control realizábase sempre nos hospitais, de tal xeito que os pacientes tiñan que se desprazar ata os seus respectivos hospitais de referencia. A descentralización do sintrom levada a cava a través das xerencias de Atención Primaria, supón a realización da extracción periférica de mostras no centro de saúde, o que permite, polo tanto, o control no propio centros dos pacientes que actualmente están a tratamento con este fármaco, evitando o seu desprazamento ao hospital de referencia.


Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)