Skip to main content

A Xunta asiste á reunión sobre Pesca Recreativa do Cantábrico que se celebra en Bilbao

O delegado provincial da Consellería de Pesca en Lugo, Pablo Fernández Asensio, e a subdirectora de RecursosMariños, Araceli Hidalgo Cortijo, acudirán en representación do Goberno galego á reunión sobre “A Pesca Recreativa do Cantábrico”, que se celebra no Museo Marítimo de Bilbao. O Goberno vasco convocou a esta
xuntanza ós representantes en materia pesqueira das Administracións Autonómicas de Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia, ademais do director xeral de Recursos Pesqueiros da Secretaría Xeral de Pesca Marítima do Estado.

No encontro, as diferentes administracións tentarán unificar criterios
en torno a diversas cuestións que afectan á pesca deportiva, como a
regulación e a renovación das licencias nas modalidades de pesca de
superficie e pesca submarina. O obxectivo é que estes permisos teñan o
mesmo período de validez en tódalas comunidades autómomas do Cantábrico. Na
xuntanza de hoxe as administracións pesqueiras debatirán tamén sobre outros
asuntos como cales son os cebos máis axeitados á hora de realizar estas
prácticas.

I Encontro de Pesca Recreativa do Cantábrico.-

Por outra banda, o delegado de Pesca de Lugo e a subdirectora de
Recursos Mariños asistirán como invitados ó I Encontro de Pesca Recreativa
do Cantábrico, que terá lugar mañá sábado no Palacio Euskalduna de Bilbao.
Estas xornadas técnicas, organizadas polo departamento de Agricultura e
Pesca do Goberno vasco, contarán con diversos expertos de prestixio que
abordarán, entroutros temas, a seguridade e a formación na pesca
recreativa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia