Skip to main content

Caixa Galicia colaborará coa Xunta no financiamento do programa do cheque asistencial

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, asinaron un convenio de colaboración ao abeiro do cal a entidade financeira comprométese a colaborar coa Xunta de Galicia no desenvolvemento do programa do cheque asistencial, que vén promovendo o Goberno galego para axudar ás persoas maiores dependentes da Comunidade Autónoma. Caixa Galicia comprométese a achegar un total de 600.000 euros para colaborar, un ano máis, na execución deste programa, ao que se acolleron 3.100 galegos durante o ano pasado. Ao acto de sinatura asistiu, ademais, a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo.

Así, Caixa Galicia comprométese a achegar fondos que a Xunta empregará para o financiamento de diversas accións encamiñadas a previr e atender a dependencia dos maiores galegos durante o presente ano. Deste xeito, ponse de manifesto a relevancia da colaboración con institucións “fundamentais no tecido social e produtivo” da Comunidade Autónoma para acadar a “mellora da calidade de vida de todos os galegos”, segundo indicou o presidente da Xunta.

FILOSOFÍA DO CHEQUE ASISTENCIAL

O cheque asistencial é un programa destinado a axudar economicamente a aquelas persoas maiores que, debido a unha situación de severa ou gran dependencia, precisan doutra persoa para desenvolverse na vida cotiá e teñen gastos extraordinarios derivados da súa atención e coidado.

A finalidade deste programa é acadar unha mellor calidade de vida e atención para as persoas maiores que presenten unha dependencia física ou psíquica axudándolles a manterse no seu medio habitual. Así mesmo, persegue apoiar ás súas familias no seu coidado. Para optar a este programa hai que levar residindo en Galicia un ano como mínimo, ser maior de 65 anos e padecer unha situación de dependencia, pola que necesite axuda doutra persoa e carecer de suficientes recursos económicos para afrontar tódolos gastos derivados dos servizos para o seu coidado.

O programa posúe diferentes modalidades entre as que se atopan:

Cheque residencia: colabora nos custos derivados da estadía permanente en centros residenciais.

Cheque de atención diúrna: colabora nos custos derivados dos coidados de mantemento e recuperación nos centros de día.

Cheque de atención no fogar: colabora nos custos ocasionados polos servizos profesionais de atención que se prestan no fogar do beneficiario.

Cheque estadía temporal: destinado a colaborar nos gastos derivados da estadía temporal do beneficiario en centros residenciais (ata dous meses ao ano).

O presidente da Xunta agradeceu a colaboración de Caixa Galicia pola mostra de compromiso coa sociedade galega e a vontade de cooperación permanente que amosa a entidade financeira coa Xunta de Galicia en diferentes accións promovidas polo Goberno galego.

Do convenio asinado derivaranse accións dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e dos seus coidadores, como poden se programas de fisioterapia, musicoterapia ou axudas de cheque asistencial, en todas as súas modalidades. As actuacións permitirán incrementar e mellorar o número e a accesibilidade dos recursos asistenciais e a calidade da atención a este colectivo.

Pola súa banda, o director xeral de Caixa Galicia referiuse á necesidade de incrementar e apostar polas políticas sociais e por iniciativas a prol dos maiores e amosouse “enormemente satisfeito” de colaborar unha vez máis co Goberno autonómico, máxime cando se trata dunha iniciativa en beneficio da terceira idade.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E CAIXA GALICIA PARA O FINANCIAMENTO DO PROGRAMA DE CHEQUE ASISTENCIAL

-“Quixera, en primeiro lugar, expresar o noso agradecemento, no meu nome e no do Goberno, a Caixa Galicia por esta nova mostra do seu compromiso coa sociedade galega e da súa vontade de cooperación permanente coa Xunta de Galicia”.

-“Neste caso, trátase da sinatura dun convenio mediante o que esta entidade se compromete a ofrecer fondos que serán empregados pola Xunta para o financiamento de diversos programas nos ámbitos da prevención e da atención á dependencia durante este ano 2005”.

-“Entre as accións deseñadas desde a Xunta de Galicia para facer posible que os servizos de atención ás persoas dependentes se estendan ao maior número de persoas posible destaca unha ferramenta que está resultando de vital importancia e de gran aceptación como é o cheque asistencial”.

-“A este programa irán destinados gran parte dos 600.000 euros que hoxe Caixa Galicia se compromete a achegar, converténdose, un ano máis, en copartícipe dun programa que permitiu que máis de 3.100 persoas dependentes se acolleran no ano 2004 a algunha das diferentes modalidades do cheque”.

-“Quero, por último, resaltar neste acto a importancia da colaboración entre a Xunta e institucións fundamentais no tecido social e produtivo da nosa comunidade, como é Caixa Galicia”.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA E CAIXA GALICIA PARA O FINANCIAMENTO DO PROGRAMA DO CHEQUE ASISTENCIAL

OBXECTIVOS

O obxectivo deste convenio de colaboración consiste en articular as accións dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e dos seus coidadores. A porcentaxe de persoas dependentes na Comunidade Autónoma esixe afrontar esta circunstancia, polo que o Goberno galego articulou diversos programas de asistencia, entre os que destaca o do cheque asistencial. A través deste programa puxéronse á disposición das familias recursos económicos para sufragar os gastos derivados dos servizos de proximidade ou residenciais de atención ao coidado das persoas maiores con dependencia, que presenten entidades homologadas pola Administración Autonómica galega e baixo o seu control. Caixa Galicia xa colaborou nos tres primeiros anos de posta en marcha deste programa mediante achegas económicas e o desenvolvemento de accións que reforzan os programas públicos na materia.

COMPROMISOS

Caixa Galicia, ao abeiro deste convenio de colaboración, comprométese a achegar 600.000 euros ao desenvolvemento das accións previstas pola Xunta dentro do programa do cheque asistencial. A entidade financeira terá acceso a toda a información estatística dispoñible relativa ás ditas accións e á súa avaliación, con exclusión dos datos de carácter persoal ou reservado.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia comprométese a executar as accións previstas neste programa, do que é copartícipe Caixa Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia