Skip to main content

A Lexislatura de Buenos Aires declara a Manuel Fraga visitante ilustre da cidade

A Lexislatura de Buenos Aires declarou ao presidente da Xunta, Manuel Fraga, Visitante Ilustre da cidade, nun acto celebrado na sede desta institución porteña e no que tamén participaron, entre outros, o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal; o titular da Consellería de Sanidade, Xosé Manuel González Álvarez; o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior; Xesús Gamallo; e a directora xeral de Xuventude, Loreto San Martín.

O deputado Carlos Ameijeiras, entregoulle a Medalla ao titular da Xunta e o vicepresidente primeiro da Lexislatura, Santiago de Estrada, o diploma acreditativo desta distinción. O máximo mandatario galego amosou a súa satisfacción pola homenaxe. “Saiban que recibo esta distinción cheo de gozo”, asegurou Manuel Fraga, quen citou a Borges para dicir que ao fin me atopo co meu destino hispanoamericano.

O xefe do Executivo autonómico amosou, durante o seu primeiro acto público na viaxe que iniciou a Arxentina e Uruguai, a súa seguridade de que Galicia está chamada a converterse nunha “ponte excepcional” entre os países latinoamericanos e a Unión Europea.

O presidente da Xunta amosouse orgulloso de estar en Buenos Aires porque lle permite expresar novamente a gratitude que sente cara a “este pobo irmán”, que se converteu en “refuxio” para os que no pasado buscaban unha oportunidade. Así mesmo, puxo de manifesto o trato excepcional que reciben os galegos por parte dos arxentinos e indicou que é un bo coñecedor do fenómeno da emigración, pola súa condición de fillo de emigrantes, e pola súa responsabilidade como presidente dos galegos, que no pasado se viron obrigados a buscar na procura de novas oportunidades.

BENESTAR DOS GALEGOS DA DIÁSPORA

“Unha das maiores preocupacións do Goberno que presido foi sempre o benestar dos milleiros de galegos dispersos polo mundo, tendo sempre clara a idea dunha Galicia universal”, aseverou Manuel Fraga, quen se amosou convencido de que o pobo arxentino ten sabido apreciar a achega dos galegos cara ao país austral, en particular, no referido á súa capital. Neste sentido, lembrou que grazas a xenerosidade dos retornados puidéronse crear en Arxentina centos de escolas, bibliotecas e centros benéficos.

O vínculo especial que existe entre Galicia e Arxentina reforzouse, a xuízo do presidente da Xunta, durante a recente crise económica que atravesou este país latinoamericano. Esta situación de crise ten servido, segundo Manuel Fraga, para demostrar o irmandamento activo e solidario que existe entre ambas as colectividades. Así, lembrou que a Xunta de Galicia reaccionou fronte a esta situación desenvolvendo programas de actuación e promovendo accións de axuda para tratar de paliar a situación que estaban a atravesar os galegos residentes na denominada quinta provincia galega.

DÍA DA GALEGUIDADE

Durante o acto de declaración de Manuel Fraga como Visitante Ilustre da cidade, o deputado Carlos Ameijeiras anunciou que a Comisión de Cultura da Lexislatura ten remitido un proxecto de lei instituíndo, no campo da Cidade Autónoma de Buenos Aires, o día 25 de xullo de cada ano como Día da Galeguidade, “rendendo, deste xeito, unha merecida homenaxe aos nosos galegos que viven na cidade e exaltando nos seus descendentes o sentimento de pertenza a unha cultura fortemente arraigada entre todos nós”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia