Skip to main content

O Sergas mellora as condicións de traballo e retributivas de máis de 5.200 médicos, así como de 1.800 diplomados en enfermaría

Máis de 5.200 médicos dos centros de saúde e hospitais do Sergas, concretamente 5.289, verán incrementadas, neste mes de xuño, as súas retribucións. Ademais, os médicos e diplomados en enfermaría de atención primaria poderán realizar as gardas voluntariamente, contratándose persoal específico. Así mesmo, a Administración sanitaria galega creará entre 750 e 900 postos de traballo de médicos e de diplomados en enfermaría, dos que 450 serán estables neste mesmo mes. O Sergas incrementará tamén as retribucións de 1.800 diplomados en enfermaría, entre centros de saúde e hospitais.

Todas estas melloras son consecuencia do acordo asinado entre a Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais CEMSATSE, CIG, UXT, CC.OO e CSI-CSIF, o pasado 20 de abril, e que hoxe aprobou o Consello da Xunta. Mediante este acordo, regúlanse as condicións de traballo e retributivas dos postos de traballo de médicos de familia e diplomados de enfermaría en puntos de atención continuada e increméntanse as contías das gardas para o persoal estatutario do Sergas. A cantidade económica destinada polo Sergas a este conxunto de melloras, durante o período de vixencia do acordo (2005-2007), sitúase preto dos 25 millóns de euros (24.686.684).

CREACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO ESTABLES

Con estas medidas levadas a cabo polo departamento que dirixe José Manuel González Álvarez, o Sergas define o seu novo modelo de urxencias nos centros de saúde, permitindo, ademais, o exercicio da opción de voluntariedade da realización das gardas por parte do persoal de cadro, sempre condicionada á garantía da asistencia sanitaria. Respecto da dotación de novas prazas, esta realizarase de xeito progresivo nos anos 2005, 2006 e 2007, determinándose a través de programas funcionais elaborados por polas xerencias das que dependen os centros de saúde.

Deste xeito, créanse postos de traballo estables, tanto de médicos de familia como de persoal de enfermaría de urxencias extrahospitalarias, adecuados ás necesidades asistenciais e con prestación dedicada á atención urxente. Ademais, con este acordo entre Administración sanitaria e sindicatos, alcánzase o obxectivo de eliminar a totalidade da eventualidade que existía nestes centros de saúde.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia