Skip to main content

Sanidade potenciará substancialmente a estrutura e os recursos dedicados á investigación no Sergas

O Servizo Galego de Saúde vén de reforzar a súa estrutura e os recursos dedicados á xestión da investigación coa colaboración da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), organismo adscrito á Consellería de Sanidade e que na actualidade dirixe Rosendo Fernández, e das Fundacións para a Investigación, que asumirán funcións de apoio aos centros, aos investigadores e á investigación que se desenvolva neles. Á vez, con este novo deseño organizativo do departamento que dirixe José Manuel González Álvarez, incrementarase a cooperación interna dos centros e poderase afrontar calquera exixencia derivada das condicións que marque o Plan Nacional de I+D+I e o VI Programa Marco Europeo. Así mesmo, con estes cambios, o Sergas favorece a capacidade de cooperación dos seus centros con outras institucións ou entidades con implicación no mundo da investigación sanitaria.

Neste marco de potenciación da investigación, o Sergas vai establecer unha serie de medidas de promoción, documentación e mellora na xestión da investigación sanitaria que servirán para sentar as bases dun futuro Plan Estratéxico de Investigación do organismo. Deste xeito preténdese incrementar o nivel de saúde da poboación galega e da súa calidade de vida así como de elevar a concorrencia dos seus grupos de investigación, incrementando a cualificación dos recursos humanos dedicados á investigación e, ademais, aumentando o nivel científico e tecnolóxico no ámbito sanitario.

Todas estas medidas forman parte dun informe sobre a investigación no Servizo Galego de Saúde, sobre o que hoxe foi informado o Consello da Xunta.

INICIATIVAS

Entre as medidas que se van levar a cabo figura a implantación do novo deseño de organización do Sergas; o diagnóstico de situación actual da investigación neste servizo, cun inventario de investigadores, grupos de investigación, liñas e recursos, e a elaboración dunha iniciativa sectorial en investigación sanitaria para o Plan Galego de I+D+I 2006-2010, en colaboración coa Dirección Xeral de I+D+I.

Así mesmo, elaborarase un programa de formación na área de investigación, un modelo de xestión dos ensaios clínicos, un plan para o desenvolvemento dunha cultura da investigación sanitaria e un programa de avaliación do impacto. Tamén se fomentará a transferencia de tecnoloxía e a difusión dos resultados das investigacións; porase en marcha unha axencia de avaliadores de proxectos, en colaboración coa Dirección Xeral de I+D; e realizarase un estudo dos custes da I+D sanitaria e da competitividade en ensaios clínicos da Comunidade Autónoma de Galicia. Finalmente, establecerase un programa de xestión administrativa e económica no que se recollerán as liñas e procedementos xerais de coordinación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia