Skip to main content

A Xunta de Galicia promove a renovación do parque de tractores agrícolas cunha achega de 830.000 euros

A Xunta de Galicia impulsará a renovación do parque de tractores da Comunidade Autónoma a través dunha liña de axudas da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. As axudas, que serán convocadas a través dunha orde sobre a que foi informado o Consello da Xunta, teñen por obxecto fomentar a renovación do parque de tractores agrícolas mediante o achatarramento dos máis antigos e a súa substitución por novos tractores que, ao estar equipados con modernas tecnoloxías, melloran as condicións de traballo.

O importe das axudas ascende a 830.000 euros, que poderá incrementarse con outros remanentes orzamentarios. A contía máxima das axudas poderá chegar ata unha porcentaxe do 40% do investimento que se vaia realizar, agás para aqueles solicitantes titulares de explotacións que estean situadas en zonas desfavorecidas, na que esta porcentaxe poderá acadar o 50%. Esta contía da axuda consistirá nun auxilio para a compra dun tractor novo.

BENEFICIARIOS

Os beneficiarios que teñen acceso a estas axudas son os titulares dunha explotación agraria, de cooperativas agrarias ou de explotacións comunitarias da terra inscritas no Rexistro de Sociedades Cooperativas da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relación Laborais.

As finalidades destas axudas son garantir unha mellora das condicións de traballo dos agricultores e gandeiros no manexo da maquinaria agrícola; incrementar o equipamento destes vehículos para maior seguridade nos seus desprazamentos; potenciar a utilización de tractores dotados con motores de novo deseño e de mellor aproveitamento enerxético do combustible, reducindo así a contaminación por emisión de gases e o seu nivel de ruído; asegurar a introdución na agricultura de tractores con alta tecnoloxía, fiables e apropiados para satisfacer os requirimentos demandados pola agricultura moderna; e promover a utilización en común dos tractores para economizar os recursos dos sectores agrícola e gandeiro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia