Skip to main content

O Consello aproba o prego de condicións que rexerá os concursos das radios dixitais autonómicas e locais

O Consello da Xunta aprobou o prego de condicións que rexerá os concursos públicos para a concesión das emisoras de radio dixital de cobertura autonómica e local. En total serán 72 lotes, dos que 6 serán para emisoras autonómicas e 66 para emisoras locais distribuídas por toda Galicia, de acordo co que se dispón no Plan Técnico Nacional da Radiodifusión Sonora Dixital Terrestre.

Segundo se recolle no prego, poderán presentarse ao concurso as persoas naturais ou xurídicas, legalmente constituídas e de nacionalidade española ou de calquera Estado membro da Unión Europea. No caso das persoas xurídicas, a participación estranxeira no capital ou no patrimonio non poderá superar directa ou indirectamente o 25 por cento.

Unha mesma persoa física ou xurídica non poderá ser titular de dúas concesións ou participar maioritariamente en máis dunha entidade concesionaria para a explotación destes servizos de radiodifusión sonora dixital terrestre que coincidan substancialmente no seu ámbito de cobertura. Excepcionalmente, unha mesma persoa física ou xurídica poderá ser titular de dúas concesións sempre e cando o ámbito de cobertura dunha non abranga máis do 20 por cento do territorio ou poboación cuberto pola outra.

O Goberno galego outorgará a concesión administrativa por un período de dez anos, prorrogándose sucesivamente por períodos iguais.

OBRIGAS DOS CONCESIONARIOS

Entre as obrigas que deberá cumprir o concesionario, figuran a emisión durante, polo menos, 14 horas diarias, empregando a lingua galega nunha porcentaxe mínima do 50 por cento do tempo total de emisión. Ademais, deberá garantir a salvagarda da pluralidade informativa e das correntes de opinión, así como dispoñer de estudos de produción propia no ámbito de cobertura que abrangue o lote adxudicado, cunha estrutura informativa de ámbito galego formada por profesionais da información.

En total, o prego de condicións aprobado hoxe polo Goberno galego recolle 72 lotes de radios dixitais: 6 de ámbito autonómico e 66 de ámbito local. Dentro das seis emisoras que disporán de cobertura autonómica, tres delas terán capacidade para efectuar desconexións territoriais.

Polo que respecta ás radios de cobertura local, a distribución por provincias é a seguinte: A Coruña, 24; Lugo, 14; Ourense, 10; e Pontevedra, 18.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia