Skip to main content

Cultura destinará 480.000 euros a actividades do Museo do Pobo Galego

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo achegará 480.808 euros ao Museo do Pobo Galego para a realización de actividades divulgativas e culturais que se van desenvolver no bienio 2005/2006, segundo se recolle nun convenio de colaboración autorizado polo Consello da Xunta. O titular de Cultura do Goberno Galego, Jesús Pérez Varela, e o presidente do Padroado da institución museística de Santiago de Compostela, Isaac Díaz Pardo, serán os encargados de rubricar este acordo, que divide o investimento en dúas partidas de igual contía (240.404 euros).

Para a ratificación deste convenio, o Consello da Xunta tivo en conta o interese coincidente das dúas partes asinantes. Así, o Museo do Pobo Galego está recoñecido como unha institución sen ánimo de lucro, de carácter cultural, que ten por fins fundamentais a investigación, estudo, difusión, conservación e defensa dos valores culturais galegos, aspectos todos eles aos que a Consellería de Cultura é receptiva.

Ademais, o espazo de exposicións situado en Santo Domingo de Bonaval é un centro sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicas de Galicia que está incluído na definición de Museos de Interese para Galicia, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma.

ACCIÓNS CONCRETAS

En concreto, a achega da Consellería de Cultura destinarase ao mantemento axeitado da sede do Museo do Pobo Galego, así como ás salas dedicadas ao medio natural, a edificios urbanos e de prensa e a imprenta. Ademais, colaborarase na realización de exposicións, tanto de produción propia como doutras, á edición de publicacións e á organización de coloquios, seminarios e conferencias.

Por último, a Consellería tamén apoiará traballos de restauración e encadernación na biblioteca, a xestión e catalogación de fondos materiais e outras actividades de formación e investigación. O Museo do Pobo Galego tamén organizará un conxunto de actividades para conmemorar o centenario de Antonio Fraguas Fraguas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia