Skip to main content

Educación destina 2,4 millóns de euros a axudas para os estudantes de FP que realicen prácticas en empresas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria achega unha serie de axudas económicas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para estudantes que estean a realizar a formación práctica en centros de traballo correspondente aos estudos de ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño, estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais e Programas de Garantía Social.

Estas bolsas están destinadas ao alumnado tanto de centros sostidos con fondos públicos como privados que realicen prácticas en empresas, conforme se establece nos correspondentes currículos das ensinanzas, durante o curso actual.

Os centros educativos serán os encargados de actuar como intermediarios e xestores destas axudas ante a Administración educativa e de informar, orientar e tramitar as solicitudes do seu respectivo alumnado.

ACHEGARSE AO MERCADO LABORAL

As prácticas en empresas teñen un gran valor didáctico e pedagóxico por achegar os alumnos e alumnas ao mundo sociolaboral en que se vai desenvolver a súa futura vida profesional. Estas axudas tratan de posibilitar que os estudantes que cursan formación profesional realicen prácticas en empresas baixo a denominación de Formación en Centros de Traballo.

As prácticas formativas e estas axudas que contribúen ao seu desenvolvemento, permiten acadar diversos obxectivos pedagóxico-profesionais. Entre os máis importantes, pódese salientar, en primeiro lugar, o de fomentar o achegamento escola-empresa e facilitar a realización de prácticas formativas no ámbito real das empresas para a maioría do alumnado, sen que represente unha dificultade o desprazamento e a busca das empresas máis axeitadas, así como a súa organización e xestión por parte dos centros educativos.

Así mesmo, estas prácticas achegan os propios alumnos que cursan ensinanzas de carácter profesional ao mundo laboral e posibilitan, ademais, o cumprimento dos obxectivos establecidos nos currículos destas ensinanzas.

CONTÍAS ECONÓMICAS

A contía económica que percibirá cada beneficiario estará en función do número de xornadas formativas que teña previsto realizar e a distancia á que se atope a empresa do domicilio ou do centro educativo. Para poder acadar unha destas axudas, o número de xornadas mínimo que deberá realizar será de 10.

Para calcular as axudas que se concederán empregaranse cadros previamente estipulados no que se determinan as axudas por xornada en función dos quilómetros que se ten que desprazar o alumno. As achegas oscilan entre os 3 e os 34 euros por xornada segundo a distancia que haxa que percorrer. En ningún caso poderá ser aplicado simultaneamente máis dun tramo para un mesmo solicitante nunha mesma empresa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia