Skip to main content

Pesca establece os requisitos e o procedemento para achegar ou adquirir arqueo e potencia no banco de GT

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos presentou ao Consello da Xunta a orde pola que se desenvolve o instrumento de xestión da frota costeira e de baixura denominado banco de GTs e KWs da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxectivo desta orde é regular os requisitos e o procedemento que deben cumprir as embarcacións e os armadores para poder achegar ou acceder a toneladas de arqueo e quilowats de potencia no banco de GT, creado a través do Decreto 59/2005 o pasado 10 de marzo.

Cómpre lembrar que este innovador mecanismo púxose en marcha tanto para facilitar aos armadores a renovación dos seus barcos por outros máis modernos e seguros, como para regularizar os que xa posúen. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos pretende así facilitar a renovación da frota de baixura e a construción de novos buques, especialmente tras a imposibilidade de financiar construcións con fondos públicos despois do ano 2004.

O texto legal presentado esta mañá aplicarase ás embarcacións da lista terceira inscritas no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, que faenan no caladoiro nacional cantábrico-noroeste e que realizan mareas dunha duración máxima dun día, nas modalidades de artes menores, cerco, volanta, rasco e palangre de fondo e a unha distancia máxima da costa de 40 millas.

REQUISITOS

As embarcacións que queiran apuntarse no banco de GT deberán estar inscritas no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, estar operativas no momento de solicitude, exercer a actividade pesqueira un mínimo de 120 días nos últimos 12 meses, estar dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar e non ter percibido axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros.

Do mesmo xeito, os barcos que queiran adquirir arqueo e potencia tamén deberán estar inscritos no rexistro de buques, estar operativos no momento da presentación da documentación e estar dados de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar. Ademais, a normativa indica que poderán acceder ao banco de GT os propietarios das embarcacións que desexen construír unha maior porte que a que teñen, ou aqueles que desexen regularizar un barco xa existente, sempre e cando teñan presentada a solicitude de actualización das dimensións principais, arqueo, potencia ou material de casco ante a Capitanía Marítima.

A citada orde establece, así mesmo, a documentación que se deberá achegar en todos os casos así como os procedementos de adquisición e inclusión no banco de GT.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia