Skip to main content

Innovación destina 350.000 euros a infraestructuras científicas para o sector da conserva

O Consello da Xunta autorizou un convenio de colaboración entre a Consellería de Innovación, Industria e Comercio e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Mariscos - Centro Técnico Nacional de Industrias de Conservación de Produtos da Pesca (ANFACO-CECOPESCA).

O seu obxectivo é a adquisición de equipamentos e infraestrutura científico-tecnolóxica para o desenvolvemento de actividades formativas orientadas aos traballadores das empresas galegas do sector transformador de produtos do mar, así como dotar de modernos laboratorios o centro tecnolóxico da conserva para a análise da materia prima e a simulación de diferentes procesos de produción, resolvendo todos aqueles problemas técnicos que demanden as empresas galegas do sector. O contido deste convenio abrangue o financiamento por parte da consellería da adquisición dunha serie de equipamentos para a asociación, con cargo a fondos do Plan de Dinamización Económica de Galicia (Plan Galicia).

INFRAESTRUTURA CIENTÍFICA

En concreto, a Xunta de Galicia concédelle a ANFACO-CECOPESCA unha contía total de 350.000 euros, para a anualidade 2005. Esta contía financiará a compra do cento por cento do seguinte equipamento técnico: un sensor de presión e un autoclave-pasteurizador para o departamento de enxeñaría, innovación e desenvolvemento tecnolóxico; un sistema de identificación microbiolóxica automática para o departamento de microbioloxía e toxinas; un equipo de purificación de mostras para contaminantes orgánicos persistentes e un analizador Hg para o departamento de calidade e seguridade alimentaria e, por último, un sistema de espectometría de masas con fonte de plasma acoplada para o departamento de medio ambiente e valorización de produtos do mar.

A sinatura deste convenio encádrase dentro do Programa de Recursos Mariños do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2002-2005. O Plan Galego de I+D+I establece que a pesca e a acuicultura son sectores de grande transcendencia para a economía galega e prevé este programa específico para a investigación en recursos mariños, orientado a incrementar a presenza de produtos galegos da pesca en todos os mercados, aumentando o número de especies ofertadas e a calidade dos produtos.

Entre os produtos derivados da pesca e da acuicultura atópanse as conservas, as semiconservas e a salga de peixe e marisco, os conxelados, os refrixerados, os elaborados de produtos do mar e os aceites e fariñas de peixe, todos eles de grande importancia para as empresas que neste sector operan en Galicia. Por todo isto, a Consellería de Innovación considera de grande interese incrementar o equipamento científico de CECOPESCA, co fin de mellorar a asistencia que presta ás industrias pesqueiras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia