Skip to main content

Emigración e a Arquidiócese de Compostela colaboran no mantemento da oficina de atención ao emigrante

A Consellería de Emigración e a Arquidiocese de Santiago de Compostela colaborarán no mantemento da Oficina de Atención ao Emigrante, segundo se recolle nun convenio de colaboración autorizado polo Consello da Xunta.

Ao abeiro dun convenio asinado o 23 de setembro de 2002 púxose en marcha esta Oficina de Atención ao Emigrante, situado no Arquivo Histórico Diocesano, que realizou nos últimos anos unha intensa campaña para inventariar e transferir aos seus depósitos os arquivos parroquiais dispersos por toda a xeografía da diocese compostelá. Esta información é utilizada actualmente pola Oficina de Atención ao Emigrante para dar resposta ao gran número de solicitudes de emigrantes galegos que desexan coñecer as súas raíces.

Coa renovación ata 2006 deste compromiso de colaboración, o servizo verase ademais reforzado pola incorporación da información indexada procedente dos arquivos parroquiais ao servizo Raíces do Portal da Consellería de Emigración, desde onde se accederá ás bases de datos sobre nacementos, matrimonios e defuncións, así como calquera outra información que conste no Arquivo Histórico Diocesano susceptible de ser incluída na web.

Desde a súa creación, a oficina está a rexistrar un aumento continuo do número de solicitudes, incrementándose o traballo de maneira notable desde a súa creación, contribuíndo a prestar un servizo esencial a este colectivo.

AVANCE HISTÓRICO

Ata a creación da oficina, as indagación efectuadas por galegos emigrados hai anos ou descendentes de galegos á procura das súas raíces ou da historia e as condicións de vida dos seus antepasados presentaba unha gran dificultade, xa que era preciso rastrexar fondos documentais dos que moitas veces se ignoraba a localización, posto que se descoñecía a data e lugar de nacemento dos antepasados.

Cómpre lembrar que os arquivos civís xorden en torno ao ano 1875, polo que se se trataba de investigacións relacionadas con persoas nadas con anterioridade necesariamente había que acudir aos arquivos parroquiais para poder localizalos. Aínda en casos posteriores, ben porque desapareceron os arquivos civís ou ben porque non aparecen inscritos neles, necesítase igualmente acceder aos arquivos parroquiais. Por iso, resultaba de grande interese a disposición por parte das dioceses de todos os fondos documentais dos arquivos parroquiais e a creación dunha oficina encargada de atender as peticións que se lle formulasen.

OPORTUNIDADE DUNHA VIDA NOVA

A oficina está a posibilitar a moitos descendentes de emigrantes galegos a indagación e demostración da súa ascendencia galega, abríndolles unha vía para poder optar á nacionalidade española. Isto ten unha gran repercusión no eido social, xa que permite aos beneficiarios sumarse a programas de todo tipo que benefician aos españois e galegos no exterior.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia