Skip to main content

O vicepresidente da República Arxentina gaba a figura de Manuel Fraga e cualifícao de loitador e traballador incansable

Manuel Fraga entrevistouse co vicepresidente da República Arxentina e presidente da Cámara de Senadores, Daniel Scioli. A entrevista, que se desenvolveu no Pazo do Senado do país, contou coa participación doutros membros do Goberno galego como o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal; o titular de Sanidade, Xosé Manuel González Álvarez; e o secretario xeral para as Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, Xesús Gamallo Aller e o embaixador de España en Arxentina, Carmelo Angulo.

Durante a xuntanza, na que ambos os dous mandatarios tiveron a oportunidade de intercambiar impresións sobre a colectividade galega asentada no país austral e outros aspectos coma o turismo, o vicepresidente da República Arxentina gabou a figura do titular da Xunta e o seu traballo “constante e a súa preocupación permanente” polo colectivo de emigrantes galegos, referíndose a el como “loitador e traballador incansable”. Así mesmo, destacou a “intensa axenda, con temas moi sensibles” do presidente da Xunta ao longo destes días, que –segundo dixo Scioli- “sempre caracterizaron” a actividade de Manuel Fraga, sobre todo na “súa vocación na política”.

O vicepresidente da nación e presidente do Senado manifestou a súa satisfacción por recibir novamente a Manuel Fraga “na grande casa do Pobo arxentino”. Lembrou, nas súas verbas, o “achegamento tan importante” feito anos atrás polos galegos emigrados a territorio arxentino para “buscar oportunidades de desenvolvemento, para a súa familia”. “En Arxentina estamos a traballar para recrear este espírito das nosas mellores tradicións e por eso lle damos a máis cordial e afectuosa benvida”.

UNIDADE “PARA SEMPRE”

Pola súa banda, o titular do Goberno galego agradeceu a acollida coa que o país arxentino recibiu aos emigrantes lembrando que o “dobre impulso, o efecto chamada e de ter dificultades” que propiciaron que os galegos emigraran asentándose en colonias que perviven e unirán aos dous territorios “para sempre”.

Durante a entrevista, ambos os mandatarios tiveron ocasión de intercambiar impresións verbo de turismo, posto que os dous desempeñaron cargos de máxima responsabilidade nacional neste eido. Scioli indicou, a este respecto, que tomara como exemplo para a súa xestión o modelo de desenvolvemento do turismo levado a cabo en España.

DATOS BIOGRÁFICOS

Daniel Osvaldo Scioli realizou estudos universitarios de marketing na Universidade Arxentina da Empresa (UADE), de Buenos Aires. Desde o ano 1997 vén desenvolvendo unha intensa actividade política. Así, naquel ano foi deputado nacional polo Partido Xusticialista da Capital Federal, cargo no que permaneceu ata 2001. A continuación, foi reelixido deputado nacional nas eleccións lexislativas de outubro de 2001. Durante o ano seguinte foi secretario de Turismo e Deporte da Presidencia da Nación e desde 2003 é vicepresidente de Arxentina.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia