Skip to main content

O presidente da Xunta de Galicia asegura que a aposta pola emigración é de longo alcance, completa e integral

“A aposta pola emigración é unha aposta de longo alcance, completa e integral”. Con estas palabras o presidente da Xunta de Galicia iniciaba o seu discurso de clausura e entrega de diplomas do Programa de Apoio á Creación de Pemes para Galegos e Descendentes de Galegos, no Centro Galicia de Buenos Aires. Un proxecto que o titular do Executivo autonómico presentou como “recoñecemento do aproveitamento fructífero de iniciativas sociais e empresariais”.

Antes da clausura deste programa, Manuel Fraga visitou, acompañado polos conselleiros de Emigración e de Sanidade, pola directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e polo secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, a oficina de información xuvenil, “mostra do protagonismo dos máis novos”, e o centro de saúde e deportes, “paradigma de innovación e anticipación”, ademais da Oficina de Información Turística e para o retornado da Xunta de Galicia. O mandatario galego quixo destacar que todas estas iniciativas teñen en común “outorgar instrumentos informativos e formativos que fagan ao beneficiario auténtico protagonista do seu proxecto vital e profesional”. Así mesmo, durante a súa visita ao Centro Galicia o xefe do Executivo autonómico reuniuse coa xunta directiva desta entidade.

UNHA DAS MELLORES OPORTUNIDADES DE GALICIA

O presidente da Xunta remarcou que a emigración galega é “unha das mellores oportunidades de Galicia, unha Galicia que vai a máis, que supera fronteiras e non coñece límites”. Manuel Fraga lembrou que o Goberno que preside traballa con 3 obxectivos: “potenciar ao máximo a capacidade de prestación de servizos” a esta colectividade, tanto a nivel socioasistencial, como formativo, cultural e recreativo; “incorporar unha relación renovada co dinámico capital humano” do exterior, reactivando a participación asociativa dos mozos; e “garantir o labor asociativo dos centros de cada país”, implicando aos descendentes dos galegos “no imparable proceso modernizador de Galicia”.

Precisamente, Manuel Fraga destacou aos mozos da emigración como “parte fundamental do activo da Galicia do novo século” e fixo unha chamada para que a xuventude “participe, actúe e achegue o mellor de si mesma”, asegurando que os seus esforzos “resultan imprescindibles e irremprazables”. De aí que quixese salientar o papel das oficinas de información xuvenil -como a do Centro Galicia-, que han de ser “centros neurálxicos onde se xeren dinámicas renovadoras e se activen novos empuxes”, funcionando como “focos de promoción” dos vínculos comúns entre a mocidade dos dous lados do Atlántico.

AXUDAR A CONSTRUÍR UNHA GALICIA EN CONSTANTE MODERNIZACIÓN

O mandatario galego fixo fincapé na necesidade de contar con novos emprendedores, mentes creadoras “dispostas a participar na tarefa apaixonante da construción dunha Galicia en proceso de modernización constante”. Por iso a formación de novos emprendedores e o asesoramento aos que desexan retornar a Galicia “son eixes sobre os que xira unha política con proxección de futuro”, dixo Fraga, onde a acollida aos que volven “ten como centro a dignidade do traballador e o pulo axeitado do emprendedor”.

O presidente da Xunta rematou a súa intervención lembrando, unha vez máis, o papel da xuventude, os retornados e os emprendedores e indicando que a actuación en orixe “con medios materiais, financeiros e humanos, manifesta de maneira perceptible a presenza de Galicia alí onde un galego se sente chamado a achegar o mellor de si mesmo”.

MOSTRAS DE “SOLIDARIEDADE E DESVELO”

Na súa intervención, o presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, Héctor Fernández, subliñou o apoio constante que recibiron os galegos emigrados neste país austral por parte do Goberno galego e as “permanentes mostras de solidariedade e desvelo da Xunta de Galicia polo seu pobo”, fundamentalmente en tempos de crise. Nesta liña, Héctor Fernández lembrou que nos tempos máis difíciles, Manuel Fraga non dubidou en promover iniciativas co fin último, dixo, de “axudar aos nosos paisanos”.

O acto de clausura do Programa de Apoio á Creación de Pemes para Galegos e Descendentes de Galegos celebrouse no Centro Galicia de Buenos Aires, que se creou en 1979 e conta na actualidade con case 10.000 socios. O Centro realiza actividades nos eidos social, cultural e deportivo. Así, ten unha Oficina de Información Xuvenil, un Centro de Saúde e Deportes, e un colexio, o Santiago Apóstolo, creado co apoio do Goberno galego para desenvolver un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario.

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia