Skip to main content

Manuel Fraga presenta en Buenos Aires o portal Galiciaaberta.com, dirixido ós galegos na diáspora

Galiciaaberta.com é o nome do portal web que este serán presentou en Buenos Aires o presidente da Xunta. Este portal está dirixido tanto aos galegos da diáspora coma aos seus descendentes, en especial aos máis novos, pero tamén poden beneficiarse das súas vantaxes os inmigrantes asentados na Comunidade Autónoma e os galegos retornados. O presidente da Xunta aproveitou a presentación desta web para se reunir con mozos galegos e descendentes de galegos afincados na capital arxentina, aos que sinalou como garantes da “innovación, o dinamismo, o bulir de ideas, desexos e inquedanzas novas”. Neste acto participaron máis de cincocentas persoas, entre mozos e representantes da comunidade galega no exterior.

De feito, Galiciaaberta.com está pensado en especial para que os galegos da diáspora de menor idade teñan un espazo común de encontro, aínda que a idea é que o seu target non sexan só os máis novos, senón todos aqueles emigrantes interesados en compartir as oportunidades que ofrece este “portal de vangarda”, tal e como foi cualificado polo presidente da Xunta.

CONTIDOS

Esta web ofrecerá información sobre programas do Goberno galego a prol dos emigrantes, seminarios, iniciativas formativas, servizo de novas, información de emprego, axudas para retornados e unha longa serie de contidos pensados para que os galegos da diáspora e os que regresaron a Galicia poidan coñecer de primeira man toda a información que lles sexa útil. Ademais, tal e como subliñou Manuel Fraga, permitirase aos galegos da diáspora crear as súas propias web sen custe ningún, onde poidan publicar e compartir a información que desexen.

“Desde Sidney a Nova York, desde a Patagonia a Bruxelas, Frankfurt ou Nüremberg, poderedes comprobar o que significa conectar e compartir experiencias e concibir espazos comúns”, sinalou o presidente da Xunta.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia