Skip to main content

Currás clausura as I Xornadas da Sociedade Española para o Estudo do Patrimonio Histórico-Cultural

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, clausurou no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) as I Xornadas da Sociedade Española para o Estudo do Patrimonio Histórico-Cultural (Sephe), onde participaron importantes estudosos dos museos da educación de toda España.

O conselleiro de Educación salientou a importancia de iniciativas deste tipo para contrastar diversos puntos de vista e chegar a elaborar novos proxectos. Lembrou o nacemento do Mupega, en outubro do ano pasado, e manifestou que o novo reto ao que se enfronta o museo agora é o de consolidarse como referente a escala nacional e internacional.

As I Xornadas da Sociedade Española para o Estudo do Patrimonio Histórico-Cultural tiveron como finalidade fomentar o intercambio de coñecementos e achegar a labor que se vén realizando nos diversos centros especializados en museoloxía da educación das diferentes comunidades autónomas. Durante tres días os especialistas debatiron e analizaron o tema dos museos pegagóxicos en España.

Este encontro permitiu que se difundiran proxectos e iniciativas museísticas, se reflexionase sobre ás experiencias de recuperación e posta en valor dos acervos materiais e inmateriais, se analizara o panorama dos museos da educación e, entre outros aspectos, se estudaran as potencialidades dos centros e coleccións no ámbito educativo.

Entre os participantes cómpre destacar a presenza do director do Museo Pedagóxico “La Escuela del Ayer” de Huesca, Rafael Jiménez Martínez; o director do Museo do Neno de Albacete, Juan Peralta; e o catedrático de Historia da Universidade de Valladolid, Agustín Escolano, entre outros moitos.

Durante estes días diversos ponentes disertaron sobre os Centros museográficos en activo en España as súas experiencias e proxectos e sobre as Iniciativas museísticas en proceso de xestación e sobre Outras experiencias de recuperación e posta en valor do patrimonio educativo e da infancia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia