Skip to main content

O Diario Oficial de Galicia publica o decreto de creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de 18 de maio de 2005, o Decreto de creación do Instituto de Medicina Legal de Galicia polo que se crea este organismo e se aproba o seu regulamento, a súa estructura orgánica e a súa provisión de postos de traballo. O Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) será un órgano técnico ao servizo da Administración de Xustiza que ten como función auxiliar aos xulgados, tribunais, fiscalías e oficinas de Rexistro Civil en materia de medicina forense.

O ámbito territorial do IMELGA é o da Comunidade Autónoma de Galicia, terá a súa sede en Santiago de Compostela e centros de traballo (subdireccións) situados, ademais de nesta cidade, en A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Este novo órgano será o encargado de practicar as probas periciais médicas, tanto tanatolóxicas como clínicas, previstas na normativa vixente en materia de medicina forense. Ademais, o Instituto poderá realizar tamén actividades de docencia e investigación, así como calquera outra función de colaboración e investigación no marco da medicina legal.

A creación deste novo órgano suporá a modificación da estructura organizativa e funcional da medicina forense no ámbito da Comunidade Autónoma. Coa súa entrada en funcionamento quedarán suprimidos os institutos anatómico-forenses e clínicas médico-forenses actualmente constituídas, así como as agrupacións de forensías de xulgados de Galicia. Os médicos forenses e o resto do persoal funcionario e laboral destinado nestes centros quedará integrado no Instituto de Medicina Legal de Galicia na data da súa entrada en funcionamento.

Ademais, os psicólogos, personal laboral con centro de destino nos xulgados de primeira instancia, familia e primeira instancia e instrucción, quedarán tamén integrados no novo órgano.

ESTRUCTURA TERRITORIAL

Os centros de traballo (subdireccións) do Instituto de Medicina Legal de Galicia terán asignados un ámbito de actuación concreto. Así, a subdirección de A Coruña ocuparase da actividade xenerada nos partidos xudiciais de A Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión; a de Ferrol ocuparase dos partidos xudiciais de Ferrol e Ortigueira e o centro de Santiago dos partidos xudiciais de Arzúa, A Estrada, Lalín, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela.

A subdirección de Pontevedra ocuparase dos partidos xudiciais de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Marín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, mentres que a de Vigo terá por ámbito de actuación os partidos de Ponteareas, Redondela, O Porriño, Tui e Vigo.

As subdireccións de Lugo e Ourense, pola súa banda, terán por ámbito territorial de actuación os partidos xudiciais das súas respectivas provincias.

Todas as subdireccións dependerán xerarquicamente da Dirección do IMELGA e disporán de servizos administrativos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia