Skip to main content

O presidente da Xunta chega a Santiago logo da viaxe oficial de seis días a Arxentina e Uruguai

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, chega a Santiago logo da viaxe oficial de seis días a Arxentina e Uruguai. Nesta visita tivo ocasión de entrevistarse co presidente da República Oriental do Uruguai, Tabaré Vázquez; co vicepresidente da nación e presidente do Senado da República Arxentina, Daniel Scioli; co Gobernador da provincia de Buenos Aires, Felipe Solá; ademais de manter encontros con outros representantes políticos, membros dos centros galegos da diáspora, así como cos emigrantes galegos e os seus descendentes en numerosos actos celebrados nas capitais destes dous países.

Durante estes días desenvolveu unha apertada axenda, acadando unha vintena de actos en cada país. Na súa estancia en Buenos Aires, o xefe do Executivo autonómico recibiu as distincións de Visitante Ilustre da cidade, concedida pola Lexislatura porteña, e a Orde do Fundador Nicolás Avellaneda, da localidade homónima instituída con motivo da súa visita institucional. Así mesmo, e coincidindo coa súa estancia na Cidade Autónoma de Buenos Aires, a Lexislatura porteña decidiu declarar o día 25 de xullo Día da Galeguidade na Capital.

Manuel Fraga foi recibido polos embaixadores españois nestes países rioplatenses nas súas sedes diplomáticas, e tamén mantivo encontros cos ministros de Relacións Exteriores e de Vivenda de Uruguai, Reinaldo Gargano Ostuni e Mariano Arana, respectivamente. O xefe do Executivo galego visitou os Centros Galegos de Buenos Aires e Montevideo, o Centro Galicia de Buenos Aires, o Hospital Español da capital arxentina, o Fogar Español de Anciáns uruguaio e a Asociación Española Primeira de Socorros Mutuos. Alí, O presidente galego asinou cos responsables destas mutualidades sanitarias diversos protocolos de colaboración para asistencia sanitaria e farmacolóxica des asistencia aos emigrantes galegos.

Así mesmo, Manuel Fraga tivo ocasión de inaugurar as Oficinas de Información Xuvenil dos centros galegos montevideano e porteño, e presentou, nas dúas capitais rioplatenses o portal galiciaaberta.com, en senllos encontros multitudinarios con mozos descendentes de galegos.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS E DOAZÓN DE LIBROS

O Día das Letras Galegas celebrouse por primeira vez na historia esta efeméride fóra de Galicia, apostando polo achegamento da diáspora á cultura e á literatura da Comunidade galega. O acto tivo lugar no Centro Galego de Montevideo, o máis antigo do mundo, fundado en 1879. Con motivo desta celebración a Xunta de Galicia fixo entrega dun lote de libros, como o fixera o día anterior, luns 16, á Biblioteca Nacional de Uruguai, onde achegou preto dun milleiro de volumes para incluír nos seus fondos.

ENTREVISTAS COS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

A visita do xefe do Executivo galego espertou grande interese nos medios de comunicación locais. Os diarios de maior tirada en Arxentina, os matutinos Clarín e La Nación, publicaron amplas entrevistas ofrecendo toda a información sobre as actividades da viaxe oficial do presidente da Xunta. Así mesmo, concedeu preto dunha ducia de entrevistas a diversos medios informativos entre os que cabe salientar a Axencia Telam, o diario económico Ámbito Financiero, os Canais 7 e 9 de televisión e as emisoras Radio 10, Mar del Plata e La Red, en Arxentina, e Canal Montecarlo Televisión, o diario El País e o semanario La Búsqueda, en Uruguai.

VALORACIÓN

En Montevideo, na rolda de prensa anterior á súa partida, Manuel Fraga manifestou que nesta viaxe o pasara “estupendamente” e que vira “aos galegos e ás súas organizacións perfectamente compenetrados e organizados para recibir a axuda que neste momento, evidentemente merecen e necesitan, e que lles está dando a sociedade galega a través das fundacións e da propia Xunta de Galicia”.

Nesta mesma liña pronunciarase en Buenos Aires, onde declarara que os días de visita nesta cidade foran “certamente moi gratos” e probablemente “dos mellores dos que levo pasado aquí en cincuenta anos que levo visitando este país”. Así mesmo, nunha comparecencia informal cos medios de comunicación, o xefe do Executivo autonómico cualificou de “grandioso” e “marabilloso” o encontro que mantivo no Centro Galicia de Buenos Aires cos mozos e mozas asistentes ao acto de presentación do portal Galiciaaberta.com, destinado ao encontro virtual da comunidade galega espallada polo mundo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia