Skip to main content

Presentado o proxecto para o Centro Comarcal de Betanzos

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes, presentou o proxecto para o Centro Comarcal de Betanzos, que, como explicou o conselleiro, “fomenta a comarcalización como modelo integrado de desenvolvemento endóxeno, no que descansa o principio de cooperación e o esforzo de coordinación da Xunta de Galicia cos entes locais e cos cidadáns, tratando de conseguir un equilibrio territorial tomado como unidade de actuación a Comarca”.

O Centro emprazarase na planta primeira e baixo cuberta (650 metros cadrados) do inmoble denominado “Escuelas García Hermanos”, de interese histórico artístico e patrimonial, exemplo de arquitectura indiana na Comarca e cedido polo Concello de Betanzos.

INSTALACIÓNS

Nos 343 metros cadrados da primeira planta ubicaranse na entrada unha zona de recepción, información e venda, e unha área dedicada a postos de traballo administrativo con atención ao público, “con fin de ser os primeiros receptores e darlle curso aos expedientes dirixidos á Xunta de Galicia, procurando, deste xeito, a descentralización administrativa por comarcas”, sinalou Santiso Miramontes.

Neste Centro disporase tamén de dous despachos, un deles para o xerente comarcal e haberá distintos espazos dedicados a arquivo, aseos, escaleiras e ascensor; un aula, con capacidade para 70 persoas e unha sala de xuntas na que se celebrarán as reunións do Padroado da Fundación Comarcal de Betanzos.

Santiso Miramontes explicou que a aula e a sala de xuntas “estarán a disposición de empresarios e colectivos da comarca que así o requiran, onde poderán organizar reunións, cursos ou conferencias”. Estas dúas salas estarán equipadas con medios audiovisuais de apoio como TV- video, video conferencia, fax, acceso a Internet e proxector de diapositivas e transparencias.

No baixo cuberta, cunha superficie útil de 306 metros cadrados, estarán localizadas dúas salas de exposicións: unha permanente e outra temporal. A permanente dará a coñecer cales son os principais recursos do territorio comarcal, que ademais amosará a historia, xeografía, patrimonio artístico, natureza e sectores produtivos da comarca. A sala de exposicións temporais estará a disposición de todos aqueles artistas que desexan expoñer a súa obra.

O titular de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural declarou que no Centro Comarcal estará tamén a sede da Fundación Comarcal de Betanzos, “que ten a súa razón de ser na necesidade de crear un ente específico que canalice a cooperación do sector público e privado, constituíndose como un grupo de acción comarcal co obxectivo fundamental de dinamizar os recursos comarcais”.

ORZAMENTO

Na actualidade, o proxecto para as novas instalacións está remitido ao Concello para a solicitude da correspondente licenza de obras e a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio. Unha vez se dispoña destes documentos procederase a licitación, para o que se contempla un orzamento de contrata que supera os 745.000 euros, estando previsto que as obras poidan iniciarse no vindeiro mes de setembro.

Posteriormente, comezaranse os procesos de elaboración e contratación da montaxe expositiva, equipamento interior, contidos documentais, deseño gráfico, sinalética, sinalización viaria, audiovisuais e maquetas entre outros, para o que se estima un orzamento estimado nuns 300.000 euros.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia