Skip to main content

Aberta a inscrición para participar nos obradoiros de fotografía do I Foro de Fotorreportaxe e Sociedade Revela que se celebran en Oleiros e A Coruña

Dentro da ampla programación do I Foro de Fotorreportaxe e Sociedade, “Revela”, celebraranse tres importantes Obradoiros de fotografía, dirixidos a todo o público interesado na fotografía, pero especialmente enforcados ós profesionais e alumnos/as das Facultades e Escolas relacionadas directamente coa imaxe. A inscrición deberá facerse a través do correo electrónico revela@oleiros.org ou chamando ó teléfono do concello 981 61 00 00, no departamento de alcaldía.
Estes Obradoiros, que teñen un custe de asistencia de tan só 30 euros, terán como eixe a “Edición gráfica e recursos fotográficos en internet”, e será impartido –o luns 27 de xuño ás 16,00 horas- por Fernando Suárez, Profesor de Audiovisuais da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; o martes 28 tamén ás 16,00 horas, o Obradoiro destínase á “Fotografía e denuncia”, sendo impartido por Lorena Ros, da Axencia Panos de Inglaterra. Lorena Ros exporá cómo plantexar unha investigación xornalística e a visualización de ideas, seguindo como fío conductor as imaxes dos seus propios traballos. Tamén falará da súa formación e experiencias obtidas ó longo da súa ampla traxectoria profesional.
O día 29 mércores, ás 11 da mañá, o Obradoiro terá como tema “Mirar e ver”, e será impartido por Manuel Lóipez, director da Revista Foto. Este Obradoiro está dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 15 anos, e terá como escenario o Castelo de Santa Cruz, de Oleiros. Nel, de xeito ameno, aprenderán os rapaces a mirar criticamente as imaxes e a información. Os rapaces que desexen participar, poden inscribirse neste caso, no concello de Oleiros. Sen embargo, para os alumnos e alumnas dos Institutos de Oleiros que están participando do programa “Revela na Escola” (elaboración de reportaxes fotográficas sobre o tema das migracións e as súas visións dela a través da imaxe), a inscrición será de balde.
Para máis información, consultar www.revela.net ou www.oleiros.org.
Comunicación Oleiros