Skip to main content

Nas eleccións ó Parlamento galego, o voto galeguista non debe ir a abstención: Xabier González, Presidente do PG

Dicía vostede fai unhas datas que o P.G. (cito textualmente) “estará
nas Eleccións ó Parlamento Galego aplicando o xeito galeguista de
face-las cousas, con franqueza e lealdade para cos cidadáns da Galicia
e, por riba de todo, sen presa por “estar” custe o que custe”.

A decisión final, tal e como explica o comunicado da Secretaría Xeral, foi non presentar candidaturas; pero elo non quere dicir que nos ausentemos do proceso electoral. Estou convencido de que a historia ten reservado un oco de moitos anos para ese goberno galeguista que necesita ó País, e eso danos moita serenidade tanto ideolóxica como política; a presa é un pasivo patrimonial de outros, sempre dixen que os tempos da actuación galeguista virán fixados polos Galeguistas e eso é un activo ó que non imos renunciar.

¿A decisión como a de non presentar candidaturas as eleccións ó Parlamento Galego de xuño marca un antes e un despois na praxe do P.G.?.

Calquera decisión marca un antes e un despois, pero eso é algo que hai que interpretar en positivo; estas eleccións ó Parlamento Galego son importantes no presente pero non deixarán de ser unha convocatoria mais nunha historia da Galicia que hai que construír cada día. Xa que logo, a dirección do P.G. terá que facer unha autocrítica responsable porque, aínda que haxa abondo atenuantes, tamén é certo que non se da cumprimento a un dos acordos esenciais do VIII Congreso. E hai que facelo con absoluta serenidade, convencidos de que necesitamos asumi-lo presente tendo na razón a memoria do pasado tanto histórico como inmediato e, o que é moi importante, no corazón a forza para construí-lo futuro. Dito eso, non quero esquecerme de subliñar e agradecer o compromiso e os esforzos daqueles que traballaron arreo para ver candidaturas do P.G. nestas eleccións ó Parlamento de Galicia; xa non só politicamente, no persoal síntome en débeda con eles, cunha sensación íntima de desacougo que intento combater
comprometéndome decididamente neste proxecto que tan representado se sinte na súa actitude e nos seu traballo.

A pregunta xurde soia, para vostede ¿cales son as claves para garantir ese futuro do que fala?

Un proxecto de todos precisa das ideas e do esforzo de todos,pero tamén dunha economía non dependente nin polarizada que garanta a libre expresión e aexecución das decisións que adopte o colectivo. Porque a lexitimidade ou o liderazgo moral non é un “fuero” que se poda negociar ou mercar, senón que é o resultado da transparencia das actitudes nobres e honestas. En algunha ocasión dixen, e manteño punto por punto esa idea, que o proxecto Galeguista ten a súa expresión máxima no traballo diario a pé de rúa, na práctica dunha política de proximidade coa cidadanía real, na loita por recuperar moitos dereitos civís que a Administración está laminando sixilosamente, na recuperación da Identidade Galega, na posta en marcha de dinámicas sociais, económicas e culturais que aproximen ecombatan decididamente esta sinerxía de crear uns poucos galegos de primeira e moitos milleiros de segunda e terceira categoría… En resumo, a “opción política cidadán” fronte as “opcións mediáticas” dos tres partidos que
agora mesmo teñen presencia no Parlamento Galego.

Vostede sigue a manter que os intereses cidadáns están infra-representados nas Institucións...

A necesidade dos cidadáns de organizarse fronte os poderes fácticos e intervir nas decisións que afectan os seus intereses levan sido, desde sempre, o motor do asociacionismo político. Nas súas orixes, un partido político era a expresión do compromiso cun determinado xeito de “sentir” dun sector da sociedade, que tiña por obxectivo xenérico acadar a autoridade moral suficiente para contar coa confianza, democrática ou revolucionaria, dun amplo sector dos cidadáns e, como expresión final desa confianza, gobernar. Esa filosofía impregnaba a praxe e a teoría política de cada formación, constituíndose no cerne ou na alma do proxecto e dotándoo da forza anímica necesaria para perseverar ata conqueri-lo…

¿Mudaron eses valores?

Non, os valores seguen a ser os mesmos en orixe e tamén os que reclama a sociedade, malia que nas últimas décadas teñan sufrido as agresións evidentes daqueles que, ben por intereses persoais ou por ignorancia, defenden que un partido político é pouco máis que unha maquinaria de captura de votos que, polo mesmo, acada forza segundo os cabalos –ou burros- de potencia mediática que acumule e que, obviamente, depende de importantes niveis de financiación para estar presente nos procesos electorais ou mesmo para seguir subsistindo. Nace así o concepto –ou a escusa- do “liderazgo mediático” como alternativa válida ó “liderazgo moral”, a versión publicitaria de que o “líder coñecido” étanto ou mais idóneo que o “líder capaz”; uns liderazgos mediáticos sometidos desde o seu nacemento, orientados a subsistir do xeito que sexa e que, inexorablemente, dan paso a que a teoría política pase a ser unha ferramenta dependente dos intereses da praxe… dito de outro xeito: deséñanse ideoloxías ligth para que sexan adaptables a praxe que mais conveña en cada momento ós intereses dos líderes mediáticos. Cando eso acontece, os “poderes establecidos” gañan a partida as liberdades cidadáns e, paulatinamente, vaise producindo unha fenda entre a sociedade e os partidos que, quéirase ou non, os deslexitima e tradúcese na mais que evidente e maioritaria opinión negativa que a sociedade ten dos políticos e dos partidos. Afortunadamente, representar os intereses da cidadanía non está vencellado a ser poderosos economicamente; hai que recupera-los espacios de actuación política da man da ilusión, dándolle a parte financieira a importancia que ten pero impedindo que se converta na parte mais decisiva da praxe política.

¿Como resumiría os obxectivos do P.G. para o futuro inmediato?

A curto prazo están estas eleccións ó Parlamento galego, nas que o voto galeguista, na miña persoal percepción, non debe ir a abstención e si a concienciar que o cambio para a Galicia empeza no cambio na mentalidade participativa dos galegos. Agora mesmo, penso que haberá milleiros de galegos que, despois de votar, irán a pórlle unha vela a algún Santo ou Santa para pedir a milagre de que o seu voto traballe en sintonía cos intereses da Galicia. É kafkiano que o panorama político inmediato da nosa nación esté pendente de milagres ou de imposibles… de que o PP xa non só acade unha maioría absoluta, senón que atope o punto de equilibrio dos intereses internos para poder formar un goberno con certas garantías de estabilidade… de que a suma dos escanos do PSOE e BNG non exporten o modelo de inestabilidade vigués o goberno galego… aínda que eu diría que se o PP non acada a maioría absoluta, o goberno da Xunta vai a ser tripartito ou un bipartito distinto o que agora mesmo se baralla porque, dígase ou non, o sector “centrista” do PP –aquel que se leva definido sempre como mais próximo ó galeguismo- leva estado sempre no goberno galego e nesta ocasión non creo que vai a ser diferente. Se o PP non obtén a maioría absoluta, hai moitas mais posibilidades de que os galegos teñamos un goberno tripartito, con apoios e presencia “centrista”, que un bipartito entre PSOE e BNG.

¿E a medio prazo?

As municipais do 2007 son, xa agora mesmo, o obxectivo do P.G. Estamos dando os primeiros pasos para redireccionar a estratexia presencial porque, por dar algún exemplo, nunhas municipais non teñen sentido algún nin o liderazgo único nin a figura mediática que no caso das eleccións ó Parlamento de Galicia sería o “Candidato a Presidencia da Xunta”; quere elo dicir que os referentes provinciais e os líderes locais, xunto coas Secretarías Técnicas da Executiva Nacional, por exemplo: as de Organización e Implantación ou Políticas Sectoriais, teñen que cobrar un protagonismo social, e mediático, de primeiro nivel e de moito maior rango que o que teñen tido ata de agora. Mais que nunca, o P.G. ten que pensar en que esta etapa debe de estar presidida por unha política de proximidade, personalizada sen que por elo deixe de ser global, canto a infraestructuras como a liderazgos, na que as siglas e o proxecto galeguista representen aquelo que nos une nunha idea realizable de País construído desde a base dos Concellos e Comarcas que o compoñen.

http://www.partidogaleguista.com
Prensa - Partido Galeguista