Skip to main content

A Xunta investiu máis de 6 millóns de euros na construcción do buque Irmáns García Nodal, que ven a reforzar a flota do Servizo de Gardacostas de Galicia

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, presidiu no porto de Marín a botadura do buque Irmáns García Nodal, no que o Goberno galego investiu máis de 6 millóns de euros e que vén a reforzar a flota do Servizo de Gardacostas de Galicia. Ao acto tamén acudiron, entre outras autoridades, o conselleiro de Pesca e a presidenta do Porto de Marín. Esta embarcación constitúe, segundo lembrou o titular do Executivo autonómico, “unha evidente, innovadora e comprometida aposta deste Goberno da Xunta de Galicia pola seguridade no mar”. O buque realizará labores de control e loita contra a contaminación mariña e ademais levará a cabo “campañas puntuais de avaliación científica dos recursos”, segundo salientou Manuel Fraga.

Para o presidente da Xunta, a botadura deste buque, unida a do remolcador Sebastián de Ocampo, e ao resto de medios con que se leva dotado ao Servizo de Gardacostas de Galicia evidencia que a Comunidade Autónoma ten dado grandes pasos en aras “a aumentar a súa capacidade de resposta” fronte a catástrofes como a orixinada polo petroleiro Prestige. Galicia sitúase agora “á vangarda” nos medios de control da pesca e da loita contra a contaminación mariña, indicou Manuel Fraga.

DENOMINACIÓN

O Irmáns García Nadal conta cun sistema de localización nocturna de manchas de contaminación e de náufragos por infravermellos e posúe unha capacidade de tiro de 50 toneladas. Manuel Fraga explicou, durante a súa intervención, o porqué do nome deste buque. Así, segundo salientou o titular do Goberno galego trátase de homenaxear ás figuras de Gonzalo e Bartolomé García Nodal, dous navegantes da ría de Pontevedra, que no século XVII realizaron unha travesía por América do Sur, comandando unhas primeiras expedicións de recoñecemento aos estreitos de Magallanes e de San Vicente. Deste xeito, ponse de manifesto, segundo subliñou o presidente da Xunta, a relevante contribución dos mariñeiros galegos á historia da navegación mundial.

VINCULACIÓN DOS GALEGOS CO MAR

Manuel Fraga non esqueceu poñer de manifesto a vinculación que une ao pobo galego co mar. En opinión do presidente da Xunta, débese aproveitar esta vinculación para responder “aos novos e constantes desafíos da navegación marítima”. Tamén tivo o titular do Goberno autonómico palabras de recoñecemento para o labor que realizan a cotío as máis de 5.000 mulleres que traballan como mariscadoras na Comunidade Autónoma. De feito, a persoa elixida para amadriñar o buque botado hoxe foi a presidenta da Asociación de Profesionais de Marisqueo a Pé de Galicia. Dolores Bermúdez quixo “agradecer o apoio decidido da Xunta de Galicia ás mulleres do mar. Quédanos moito por percorrer, pero se hoxe estamos máis preto é grazas ao esforzo conxunto do sector e do Goberno galego”.

PRESTACIÓNS DO BUQUE

As características técnicas da nova embarcación significan un verdadeiro salto cualitativo fronte as prestacións do “Serra de Santiago”, buque o que substituirá e que, a diferencia do “Irmáns García de Nodal” non era propiedade da Xunta.

O buque de apoio foi construído pola Factoría Naval de Marín, adxudicataria dun concurso público. O presidente desta factoría, Víctor Nogueira, agradeceu o apoio da Xunta e especialmente da Consellería de Pesca para sacar adiante un “proxecto integramente galego, feito en Galicia e para Galicia, algo que nos fai sentir dobremente orgullosos ao poñer de manifesto a competitividade dos estaleiros e empresas auxiliares galegas”. A embarcación ten dúas cubertas completas e casco tipo pesqueiro de aceiro, especialmente deseñado para ter comportamento óptimo en calquera condición de mar.

O Irmáns García Nodal é un buque de apoio polivalente, pois pode desempeñar gran cantidade de funcións. Entre elas destacan operacións de salvamento marítimo, a loita contra a contaminación, as labouras de investigación científica, vixilancia e control da pesca, abastecemento de materiais á flota pesqueira, loita contra incendios, remolque de embarcacións e de obxectos flotantes que podan supoñer un risco para a navegación.

A tripulación estable estará formada por nove persoas. Existen catro plazas máis para posibles náufragos e a opción de aumentar a tripulación en dez persoas máis, en función do tipo de misión a desempeñar.

MEDIOS DE SALVAMENTO

No referido os medios de salvamento, destaca a incorporación do sistema FLIR de busca de náufragos por infravermellos. Este sistema permite obter imaxes na oscuridade de náufragos e manchas de contaminación no mar, polo que resultará eficaz nos naufraxios e accidentes de contaminación. O Irmáns Garcia Nodal e o Sebastián de Ocampo son os primeiros buques de salvamento en España que incorporan esta tecnoloxía de infravermellos. A embarcación conta ademais cun centro de mando especialmente para operacións de salvamento e loita contra a contaminación, o que permite realizar esta tarefas sen interferir as operacións de navegación dirixidas dende a ponte de mando.

Ademais, o buque posúe dúas embarcacións rápidas de salvamento e dotadas con equipamento de navegación (radar, GPS, equipo de comunicacións). Estas embaracións poderán alcanzar unha velocidade de 35 nos e poderán operar en mar grosa.

Entre o equipamento destinado a loita contra a contaminación están 300 metros de barreira hinchable, un laboratorio para análise de mostras, seis tanques flotantes de 25 metros cúbicos cada un, un skimmer cunha capacidade de 60 toneladas hora e outro de 40 toneladas hora.

A embarcación dispón dun laboratorio para o análise de mostras, polo que poderá levar a cabao campañas puntuais de evaluación científica. Entre outro equipamento figuran traxes de bombeiros, equipos de respiración autónoma, máscaras anti-gas, bombas eléctricas de achique, mangueiras, exectores de achique, productores de espuma de alta, media e baixa presión, equipamento térmico de protección de persoas, equipos de mergullo, equipamento de TV submarina, cámaras de toma de películas submarina, equipos de rompemento de rocas e equipos de soldadura e corte submarino.


INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NO ACTO DE BOTADURA DO BUQUE IRMÁNS GARCÍA NODAL

-“Constitúe para min un orgullo presidir hoxe este acto de botadura do novo buque de apoio da Xunta de Galicia bautizado como Irmáns García Nodal”.

-“Os irmáns García Nodal comandaron unha das primeiras expedicións de recoñecemento dos estreitos de Magallanes e de San Vicente a comezos do século XVII”.

-“É certo que non debemos esquecernos nunca da magnífica historia da vinculación dos galegos co mar. Pero ademais, debemos aproveitar esta vinculación para responder os novos e constantes desafíos da navegación marítima. Precisamente, botamos hoxe esta embarcación para aumentar os medios do pioneiro Servizo de Gardacostas e para colocar a Galicia á vangarda nos medios de control da pesca e da loita contra a contaminación”.

-“Unha das mellores mostras da estreita relación dos galegos co mar é, sen dúbida, o duro traballo que realizan as máis de cinco mil mulleres que exercen a profesión de mariscadora [...] A Xunta de Galicia escolleu a unha das súas representantes, Dolores Bermúdez, a presidenta da Asociación de Profesionais de Marisqueo a Pé de Galicia, como madriña deste novo barco”.

-“A Xunta de Galicia achega máis de seis millóns de euros á construción do Irmáns García Nodal. Ademais, equipouno coa tecnoloxía máis moderna e polivalente. Así, o Irmáns García Nodal non só se poderá dedicar a labores de control e loita contra a contaminación, senón que tamén poderá levar a cabo campañas puntuais de avaliación científica dos recursos, pois dispón dun pequeno laboratorio para a análise de mostras”.

-“O buque que hoxe bautizamos conta, ademais, cun sistema de localización nocturna de manchas de contaminación e de náufragos por infravermellos e cuncha capacidade de tiro de 50 toneladas e por tanto con posibilidade de servir de apoio ao remolcador Sebastián de Ocampo. Podemos dicir, sen medo a equivocarnos, que desde hoxe Galicia deu un paso máis no camiño de aumentar a súa capacidade de resposta ás catástrofes como a do petroleiro Prestige”.

FICHA TÉCNICA

BUQUE IRMÁNS GARCÍA NODAL

Neste novo buque de apoio da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que realizará, entre outras, tarefas de análise e control da contaminación mariña, e formará parte da flota do Servizo de Gardacostas de Galicia, a Xunta investiu 6,3 millóns de euros. Conta con 39 metros de eslora e 8,8 metros de manga e pode dar cabida a unha tripulación estable de 9 persoas (aínda que posúe capacidade para outras 10). A súa tonelaxe e de 522 GT. O buque dispón tamén dun canón contra incendios cunha capacidade de 1.200 toneladas hora, e dun gancho de remolque que posúe unha capacidade mínima de 40 toneladas.

As características técnicas da nova embarcación significan un verdadeiro salto cualitativo fronte as prestacións do Serra de Santiago, buque o que substituirá e que, a diferencia do Irmáns García Nodal non era propiedade da Xunta.

O buque de apoio foi construido pola Factoría Naval de Marín, adxudicataria dun concurso público. A embarcación ten dúas cubertas completas e casco tipo pesqueiro de aceiro, especialmente deseñado para ter comportamento óptimo en calquera condición de mar. O Irmáns García Nodal é un buque de apoio polivalente, pois pode desempeñar gran cantidade de funcións. Entre elas destacan operacións de salvamento marítimo, a loita contra a contaminación, as labouras de investigación científica, vixilancia e control da pesca, abastecemento de materiais á flota pesqueira, loita contra incendios, remolque de embarcacións e de obxectos flotantes que podan supoñer un risco para a navegación.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia