Skip to main content

Manuel Fraga destaca que o Plan Estratéxico do Cooperativismo aposta pola conciliación da vida profesional e laboral e pola aprendizaxe permanente

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, salientou que o Plan Estratéxico do Cooperativismo do Goberno galego “aposta decididamente” polo autoemprego como emprego de calidade e, coincidindo coas directrices europeas na materia, “incide en aspectos como a flexibilidade e a seguridade, a conciliación da vida profesional e laboral, a participación dos traballadores e a aprendizaxe permanente”. O mandatario galego inaugurou, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago, o IV Congreso Galego de Cooperativas, un acto no que tamén participou a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado.

Ademais, este Plan inclúe una serie de propostas en sintonía con outros proxectos de ámbito autonómico, especialmente co Plan Estratéxico para o desenvolvemento de Galicia.

A xuízo de Manuel Fraga, as cooperativas xogan, no contexto actual, un papel fundamental, xa que constitúen instrumentos básicos para o aproveitamento integral dos recursos; para a obtención de rendas estables e dignas, e para a prestación de servizos que permitan mellorar o benestar social, “fundamental para fixar a poboación e mellorar a calidade de vida no contorno rural”.

NOVAS OPORTUNIDADES

“Nun período histórico –salientou o mandatario galego- caracterizado por fenómenos como a globalización ou a deslocalización empresarial, resultan especialmente importantes aquelas empresas comprometidas co seu país, que representan novas oportunidades para a iniciativa emprendedora e que, ademais, contribúen á redistribución equitativa de recursos”.

O Plan Estratéxico do Cooperativismo orientará as actuacións dos axentes públicos e privados que interveñen no desenvolvemento cooperativo. Ademais, foi froito dun proceso participativo, no que todos os cooperativistas puideron realizar as súas achegas na planificación das estratexias do cooperativismo cara o ano 2010.

Manuel Fraga salientou que esta iniciativa abarca “todos e cada un dos aspectos nos que compre incidir para o desenvolvemento do cooperativismo”. Este Plan porase en marcha nun escenario condicionado polas políticas da Unión Europea polo que, “neste contexto, –engadiu-, adquire unha especial relevancia o nivel de concordancia existente entre os obxectivos do Plan e as recomendacións da Comisión Europea”.

A xuízo do presidente da Xunta, “un alto nivel de confluencia permitirá maiores oportunidades para levar a cabo as medidas propostas” ao tempo que os “obxectivos poden beneficiarse de sinerxías derivadas dos plans de actuación, tanto europeos como de ámbito autonómico”.

Manuel Fraga lembrou ademais que a Unión Europea vén promovendo políticas específicas dirixidas a contrarrestar a despoboación rural e a perda de man de obra no sector primario, promovendo un desenvolvemento rural integral”.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DO IV CONGRESO GALEGO DE COOPERATIVAS

- “Nun período histórico caracterizado por fenómenos como a globalización ou a deslocalización empresarial, resultan especialmente importantes aquelas empresas comprometidas co seu país, que representan novas oportunidades para a iniciativa emprendedora e que, ademais, contribúen á redistribución equitativa de recursos”.

- “Resulta fundamental realizar unha diagnose precisa da situación, tal e como se fixo mediante a elaboración do Libro Branco do Cooperativismo no III Congreso Galego de Cooperativas”.

- “Posteriormente, establecéronse os obxectivos que debían orientar as actuacións futuras. Todo elo mediante un proceso participativo sen precedentes, no que todos os cooperativistas puideron realizar as súas achegas na planificación das estratexias do cooperativismo cara o ano 2010”.

- “Grazas a este labor contamos hoxe cun plan Estratéxico que orientará as actuacións dos axentes públicos e privados que interveñen no desenvolvemento cooperativo. Permítanme, nestes intres, que realice dúas reflexións que considero de especial transcendencia á hora de abordar este cometido”.

- “Refírome, en primeiro lugar, ao carácter integral do conxunto de obxectivos e medidas propostas, pois abarcan todos e cada un dos aspectos nos que compre incidir para o desenvolvemento do cooperativismo”.

- “A segunda reflexión que me gustaría realizar está ligada ao escenario de futuro no que debe aplicarse este plan”.

- “Este escenario virá condicionado polo marco deseñado coas políticas da Unión Europea. Neste contexto, adquire unha especial relevancia o nivel de concordancia existente entre os obxectivos do Plan e as recomendacións da Comisión Europea. Un alto nivel de confluencia permitirá maiores oportunidades para levar a cabo as medidas propostas. Ademais, os obxectivos poden beneficiarse de sinerxías derivadas dos plans de actuación, tanto europeos como de ámbito autonómico”.

- “O Plan sintoniza adecuadamente, coas directrices das políticas de desenvolvemento, tanto comunitarias, como galegas”.

- “ A Unión Europea vén promovendo políticas específicas dirixidas a contrarrestar a despoboación rural e a perda de man de obra no sector primario, promovendo un desenvolvemento rural integral”.

- “As cooperativas xogan, neste contexto, un papel fundamental. Constitúen instrumentos básicos para o aproveitamento integral dos recursos, para a obtención de rendas estables e dignas, así como para a prestación de servizos que permitan mellorar o benestar social, que resulta fundamental para fixar a poboación e mellorar a calidade de vida no entorno rural”.

- “O Plan estratéxico aposta decididamente polo autoemprego cooperativo como emprego de calidade e, tamén coincidindo coas directrices europeas na materia, incide en aspectos como a flexibilidade e a seguridade, a conciliación da vida profesional e laboral, a participación dos traballadores e a aprendizaxe permanente”.

- “Cómpre salientar, finalmente, a sintonía das propostas deste Plan, con outros proxectos de ámbito autonómico, singularmente co Plan Estratéxico para o desenvolvemento de Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia