Skip to main content

Manuel Fraga remarca o importante papel de modernización da actividade agrogandeira que cumpre a concentración parcelaria

O presidente da Xunta de Galicia entregou os títulos das concentracións parcelarias das zonas de Obra, Larazo e San Pedro de Losón, no municipio pontevedrés de Vila de Cruces. Ao acto tamén asistiu o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes.

No transcurso do acto, Manuel Fraga apelou á necesidade de facer “un esforzo de racionalización” para adaptar os modos produtivos, de forma que se poidan ofrecer estándares de calidade “adecuados á demanda do mercado actual”. Fraga explicou que, en Galicia, esta adecuación esixe unha racionalización dos usos das terras agrícolas e das súas dimensións, unha tarefa na que a concentración parcelaria “cumpre un importante papel de modernización da actividade agrogandeira”.

2,4 MILLÓNS DE EUROS E 674 PROPIETARIOS

O mandatario galego indicou que a unión de terra permite unha “optimización” dos recursos existentes, “equilibrando” a potencialidade das terras coas posibilidades de explotación pecuaria, e ordenando o territorio, ao asegurar a finalidade dos usos do solo concentrado a medio e longo prazo. Ademais, explicou que a concentración parcelaria non só repercute no labor agrícola e gandeiro, “senón no conxunto da economía e o desenvolvemento social do contorno que é obxecto destas actuacións”.

A Xunta de Galicia investiu un total de 2.410.000 euros nas concentracións de Obra, Larazo e San Pedro de Losón, que afectaron a un total de 1.188 hectáreas de 674 propietarios. Na zona de Obra, as 4.247 fincas de 167 propietarios reorganizáronse en 518; no caso de Larazo, 3.339 fincas de 279 propietarios pasaron a 764 e, finalmente, os 228 propietarios de San Pedro de Losón viron como o número de parcelas pasaba de 2.849 a 588.

O titular do Executivo galego explicou que esta entrega de títulos é un “novo aliciente” para que o Goberno siga promovendo un proceso “esencial para o futuro desta terra, facilitando a presenza de estruturas agrarias axeitadas que favorezan a modernización da actividade agrogandeira e agroalimentaria.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NA ENTREGA DE TÍTULOS DAS CONCENTRACIÓNS PARCELARIAS DE OBRA, LARAZO E SAN PEDRO DE LOSÓN

- “A actividade agrícola e gandeira está a experimentar nos últimos anos un grande avance debido á introdución de novas tecnoloxías e á aplicación dos resultados obtidos na experimentación, que posibilitan o desenvolvemento destes labores, facilitando o traballo aos produtores e incrementando os niveis de rendibilidade das súas producións”.

- “Non só na actividade agropecuaria, senón en todos os sectores económicos e industriais, é preciso realizar un esforzo de racionalización co fin de conseguir unha maior adecuación dos modos produtivos que permita ofrecer uns volumes e estándares de calidade adecuados á demanda do mercado actual”.

- “En Galicia, esta adecuación esixe unha racionalización dos usos das terras agrícolas e das súas dimensións, unha tarefa na que a concentración parcelaria cumpre un importante papel de modernización da actividade agrogandeira”.

- [A unión de terras] repercute favorablemente, non só no propio labor agrícola e gandeiro, senón no conxunto da economía e do desenvolvemento social do contorno que é obxecto destas actuacións”.

- “Todo o labor que vimos realizando fai que este proceso sexa un novo aliciente para que, desde o Goberno galego, sigamos a promover este proceso esencial para o futuro desta terra, facilitando a presenza de estruturas agrarias axeitadas que favorezan a modernización da actividade agrogandeira e agroalimentaria da nosa Comunidade, que é a nosa obriga e o noso desexo”.

FICHA TÉCNICA

A Xunta de Galicia investiu un total de 2.410.000 euros nas concentracións de Obra, Larazo e San Pedro de Losón, e afectaron a un total de 1.188 hectáreas de 674 propietarios.

Na zona de Obra, as fincas 4.247 fincas de 167 propietarios reorganizáronse en 518; no caso de Larazo, 3.339 fincas de 279 propietarios pasaron a 764 e, finalmente, os 228 propietarios de San Pedro de Losón viron como o número de parcelas pasaba de 2.849 a 588.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia