Skip to main content

Innovación destinou 45 millóns de euros ó sector da automoción nos últimos cinco anos

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio destinou 44’8 millóns de euros ó sector do automóbil entre os anos 1999 e 2004, un período caracterizado pola forte expansión desta industria que gañou competitividade tanto no mercado interior como no exterior.

Construcción e dotación do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), apoio directo ó Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) e subvencións ás empresas do sector (en especial a actuacións vencelladas á innovación tecnolóxica) foron o destino dos investimentos da Consellería de Innovación e I+D neste sector, considerado ún dos principais motores da economía galega.

O CTAG é froito dun convenio de colaboración, asinado no ano 2000, entre o departamento autonómico que dirixe Juan Rodríguez Yuste, e a Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria de Automoción de Galicia. A súa construcción e dotación foron financiadas íntegramente pola Consellería nos dous anos seguintes, con aportacións que sumaron case 11’5 millóns de euros. O CTAG, que está a disposición de todo o sector do automóbil, conta con equipamentos específicos de investigación e ensaio, así como servizos de formación, asistencia técnica e asesoramento orientados á innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Fóra da creación da infraestrutura, Innovación mantén o seu respaldo ó Centro, a través de acordos anuais, ós que nos últimos dous anos destinou case 3 millóns de euros. Entre os proxectos financiados con estas aportacións, salientan iniciativas vencelladas á seguridade do vehículo, á ergonomía e á electrónica, tales como un sistema de impacto lateral que reproduza as condicións de colisións e o comportamento dos compoñentes e ocupantes do vehículo, ensaios para incorporar innovación ergonómicas, e análises para definir necesidades e demanda de servizos electrónicos. Do mesmo xeito, estudiase tamén o comportamento de materiais de nova xeración e a súa aplicación en diversos compoñentes.

Actuación de apoio ó CTAG
2000-2002 Creación do CTAG 11.419.000
2003-2004 Convenios de impulso a proxectos do CTAG 2.823.000
TOTAL 14.242.000

INNOVACIÓN E CEAGA

Máis do 90 % dos 29’3 millóns de euros que Innovación achegou ó sector en concepto de axudas entre 1999 e 2004 tiñan como finalidade financiar proxectos vencellados á innovación. En total, por este concepto, as empresas de automoción recibiron arredor de 27 millóns de euros, figurando entre os beneficiarios PSA Peugeot-Citroën, que exerce un activo papel como entidade tractora deste conglomerado industrial.

Estas axudas teñen como obxectivo o fomento da innovación empresarial, así como a prestación de servizos por agrupacións de empresas ou asociacións que teñan como finalidade o fortalecemento do tecido empresarial en Galicia. Os proxectos financiados corresponden a actuacións como adquisición de coñecemento estratéxico, o desenvolvemento de conglomerados industriais e liñas de negocio de empresas auxiliares.

O apoio á I+D industrial (desenvolvemento de novos materiais e mellora da innovación en procesos e produtos de maior valor engadido), á calidade e deseño industrial (conducentes á mellora da competitividade), e ó desenvolvemento de aplicacións das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC’s), foron tamén obxecto de proxectos financiados durante estes cinco anos pola Consellería de Innovación.

Axudas ó sector de automoción 1999-2004
Innovación 26.759.000
Calidade 427.000
I+D 1.929.000
TIC 258.000
Total 29.373.000

Doutra banda, este departamento autonómico apoiou tamén actuacións do Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), ben a través das ordes de axuda (entre os anos 1999 e 2000), ben a través de convenios específicos anuais (dende 2001 ata agora). Os convenios recoñecen a importancia estratéxica desta agrupación, por canto realiza actividades de cooperación entre fabricantes de compoñentes, de investigación e de desenvolvemento científico e tecnolóxico, para alcanzar un maior nivel de competitividade.

En total, Innovación destinou 1’2 millóns de euros a CEAGA para diversas accións, entre as que caben destaca-lo proxecto de definición da estratexia de desenvolvemento rexional do sector de automoción galego ou a análise do mercado e das barreiras de entrada en países do Leste Europeo. Prevención de riscos e programas de formación de directivos foron tamén obxecto de accións atendidas con cargo ós convenios anteditos.

Apoio a CEAGA
1999-2000 Innovación 156.500
Calidade 165.300
TIC 65.000
Total 386.800
2001-2004 Convenios de colaboración 832.200
TOTAL 1.219.000

Constituido en 1997, como consecuencia da política de clusters que a Consellería de Innovación iniciou en 1995, así como da boa acollida e disposición do sector á colaboración interempresarial, CEAGA é hoxe en día un referente indiscutible en toda España e en Europa, ata o punto de que a súa experiencia se erixe como un elemento imprescindible para levar adiante iniciativas similares ou perfilar plans estratéxicos vencellados ó sector, no territorio nacional.

FORTE EXPANSIÓN

A forte expansión da industria galega de automoción no período 1999-2004 reflíctese tanto nos resultados económicos globais como nas cifras alcanzadas no comercio exterior.

Nestes momentos, están integradas en CEAGA 62 empresas da industria auxiliar deste sector, que dan emprego a máis de 13.000 persoas e que, no seu conxunto, facturaron o ano pasado máis de 2.200 millóns de euros, unha cifra que duplica a de 1999. Desta cantidade, o 43 % procede das vendas exteriores.

Durante estes cinco anos, as exportacións galegas de automoción (incluidos tanto automóbiles como pezas e compoñentes) incrementáronse en máis de un 95 %, fronte a unha media nacional do 40 %. O ano pasado, as vendas exteriores galegas de automoción situáronse en 4.583 millóns de euros.

Sen embargo, dentro deste capítulo, é especialmente reseñable a evolución das vendas internacionais de compoñentes e accesorios de vehículos, o segmento no que se centra a súa actividade as empresas de CEAGA. Así, as exportacións destas partidas situáronse o ano pasado en 1.011 millóns de euros, o que significa un incremento do 108 % con respecto a 1999, mentres que o conxunto español aumentou as exportacións destes produtos nun 51 % nos cinco anos analizados.

A boa evolución desta industria auxiliar da automoción consolida a Galicia no terceiro lugar das comunidades exportadoras de compoñentes, por detrás de Cataluña e País Vasco. Non obstante, Pontevedra pasou de se-la terceira provincia neste ránking a ocupa-la segunda posición, despois de Barcelona e por diante de Navarra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia