Skip to main content

Educación lembra que ofreceu aos ciclos de FP sen alumnado a posibilidade de non ser pechados se acadan unha matrícula suficiente

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria lembra que xa na semana pasada anunciou aos centros implicados a súa decisión de ofertar aos ciclos de FP sen alumnado, e cuxo peche se plantexaba na proposta levada á última Mesa Sectorial, a posibilidade de continuar no vindeiro curso en funcionamento se acadan unha matrícula suficiente no prazo de preinscrición.

A consellería adoptou a devandita decisión tras ser escoitadas as demandas dos diversos sectores da comunidade educativa e dos integrantes da Mesa Sectorial de Educación. Así, 21 dos ciclos para os que se propoñía o peche teñen a oportunidade de seguir en activo se reúnen polo menos unha matrícula de dez alumnos no devandito prazo de preinscrición, que se estenderá entre os días 17 de xuño e 2 de xullo.

Outros catro ciclos cuxo peche estaba previsto na proposta levada á Mesa Sectorial si serán suprimidos para o vindeiro curso 2005/06. Deste xeito, deixarán de ofertarse o ciclo superior de Comercio Internacional que se impartía no IES da Cañiza, o cal non fora solicitado polo propio centro; o ciclo medio de Traballos Forestais e Conservación do Medio Natural, no IES “San Rosendo”, de Mondoñedo, que pasa a oferta modular; e o ciclo medio de Conserveira Vexetal, Cárnica e de Peixe, no IES de Bouzas, que xa non se puxera en marcha no curso actual.

Outro ciclo, o superior de Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas do IES “A Carballeira” de Ourense, pasa a transformarse en oferta modular do ciclo superior de Administración de Sistemas Informáticos.

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia