Skip to main content

Rapaces de Secundaria de toda Galicia participan no concurso Aventura National Geographic

O director xeral de Centros e Ordenación Educativa da Consellería de Educación, Alberto González Armesto, e o representante de National Geographic en España, Miguel Ángel Irigoyen, presentaron o concurso Aventura National Geographic, cuxo obxectivo é fomentar o coñecemento histórico-xeográfico entre os alumnos.

Con caracter bianual, este certame internacional diríxese aos alumnos de terceiro e cuarto curso da Educación Secundaria Obrigatoria. Esta é a primeira vez que España participa neste certame.

En Galicia comezaron o pasado 1 de febreiro as probas, nas que a través de internet máis de 350 alumnos contestaron unha serie de preguntas de Xeografía e Historia. De entre todos os participantes foron seleccionados 125, que participarán mañá no IES “Monte de Conxo”, en Santiago de Compostela, na final autonómica.

No certame participan alumnos de toda España, aínda que en maior grao co resto o fan as comunidades de Galicia, Madrid, La Rioja, Navarra, Extremadura e Canarias, ademais das cidades de Ceuta e Melilla.

De entre todas as autonomías os 60 alumnos que obteñan unha maior puntuación competirán o 28 de maio, en Madrid, na final nacional. Os tres vincidores da final nacional representarán a España na final mundial, chamada Word Championship National Geographic, que terá lugar o próximo mes de xullo en Budapest. Na convocatoria pasada participaron 18 países, dos que resultou gañador Estados Unidos.

PREMIOS E HISTORIA

Os cinco mozos galegos que pasen cos mellores resultados este sábado as probas e opten así á final nacional recibirán un diploma e unha placa, e de resultar algún deles gañador de España, este levarase un ordenador portátil, mentres que para o segundo clasificado da final nacional o premio será unha cámara dixital e para o terceiro un DVD.

Nada hai 116 anos a Sociedade National Geographic segue mantendo o mesmo espírito dos seus fundadores baseado na difusión do coñecemento xeográfico a través de publicacións, documentos, becas e fondos para a investigación científica.

Hoxe en día, esta sociedade conta con 9 millóns de socios e máis de 40 millóns de lectores en todo o mundo, co que é a institución científica e educativa sen ánimo de lucro máis grande do mundo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia