Skip to main content

Pesca xa notificou a renovación do permex de 3.280 embarcacións das 4.225 que integran a flota de baixura

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, remitiulle unha carta os patróns maiores de Galicia na que lles confirma que das 4.225 embarcacións que solicitaron o permex xa se notificou a renovación de 3.280.

O titular de Pesca da Xunta tranquiliza deste xeito ó sector e califica de irresponsable a actitude de determinados representantes da oposición por tratar de facer crer ás confrarías que a Consellería denega a renovación de moitas embarcacións galegas.

O conselleiro definiu estas afirmacións como rigurosamente falsas xa que un dos obxectivos prioritarios de Pesca é a modernización da flota de baixura abordada dende distintos ángulos, entre eles a elaboración dos plans de portos e a regularización das embarcacións, pasando pola actualización e modernización do Rexistro de Buques, sinala tamén dita carta.

A misiva tamén recolle que o único que é verdade é que xa se renovaron máis de 3000 permex, e que os permisos que faltan estanse a resolver no procedemento correspondente, para o que esta Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos seguirá a traballar e colaborar con todos vos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia