Skip to main content

Manuel Fraga sinala que no campo das enerxías renovables, Galicia xa ten acadado obxectivos que para España e a UE son aínda metas de futuro

“Permítanme simplemente apuntar que Galicia se atopa á cabeza de España en desenvolvemento eólico e que temos acadado a día de hoxe obxectivos que na UE e no conxunto de España están formulados como metas de futuro”. Dicíao o presidente da Xunta na inauguración da fábrica de Fiberblade nas Somozas na que se construirán palas para aeroxeradores. Ao acto asistiron tamén os conselleiros da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública; Innovación, Industria e Comercio; e Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Manuel Fraga explicou que máis do 65% da enerxía eléctrica consumida na Comunidade galega hoxe en día é atendida por fontes de enerxía renovables, mentres na UE se fixou o obxectivo de chegar ao 22% en 2010, 30% no caso de España. Ademais, indicou que só con enerxía eólica se cobre o 19% da demanda eléctrica galega. Por toda estas razóns, resaltou que Galicia se ten convertido no modelo que outras Comunidades e países tratan de seguir. Isto é así, dixo, “porque nos fixamos obxectivos concretos, cremos neles, e estamos dispostos a poñer todo o noso esforzo para que se traduzan en realidades”.

SUMA DE ESFORZOS DO SECTOR PÚBLICO E PRIVADO

O mandatario galego indicou que a fórmula para lograr o éxito non foi outra que a de aunar esforzos do sector público e da iniciativa privada, e mencionou a importancia do Plan Eólico de Galicia, instrumento que permitiu “dar un pulo” neste ámbito, ao permitir actuar en materia de planificación, en investigación do potencial eólico e no estudo da infraestrutura eléctrica necesaria.

Deste xeito, sinalou o titular do Executivo galego, posibilitouse a creación dun novo sector industrial na Comunidade, “de gran puxanza”, coa conseguinte creación de emprego e de riqueza. Neste punto, Manuel Fraga destacou os Plans Empresariais como “medio de canalización dos esforzos, compromisos de investimento e promoción” das actuacións industriais.

COMPROMISO COA CONCIENCIA AMBIENTAL

O presidente da Xunta presentou a nova planta de Fiberblade (filial de Gamesa) nas Somozas como “unha boa mostra do esforzo e o compromiso de Galicia co progreso e a conciencia medioambiental”. Quixo recordar que na Comunidade “tivemos claro que debiamos apostar de xeito decidido e valente” polas fontes de enerxía renovable e, en definitiva, “pola protección do medio e o aproveitamento dos recursos enerxéticos autóctonos”, entendendo que “era posible aproveitar as sinerxías das novas tecnoloxías como impulsoras do desenvolvemento económico”.

Manuel Fraga repasou os “grandes avances” que se están a experimentar no deseño das novas xeracións de aeroxeradores, implantándose xa nos parques galegos aparellos de ata 2 MW de potencia, permitindo un maior aproveitamento do recurso eólico cun menor número de máquinas, o que se traduce nun menor impacto paisaxístico. Precisamente, na planta inaugurada (na que Fiberblade investiu 37 millóns de euros e que dará traballo a 350 persoas) construiranse palas de gran tamaño para este tipo de aeroxeradores de máxima potencia.

O mandatario galego non quixo rematar a súa intervención sen referirse ao “lugar privilexiado” que ocupa Galicia no eido da investigación eólica, mencionando o parque experimental de Sotavento como “referente imprescindible” para os que pretendan tomar parte no sector.

EXTRACTO INTERVENCIÓN PRESIDENTE DA XUNTA:

- “É para min unha gran satisfacción acudir ás Somozas para a inauguración desta nova planta que sen dúbida constitúe unha boa mostra do esforzo e do compromiso de Galicia co progreso e a conciencia medioambiental”.

- “En Galicia tivemos claro que debiamos apostar de xeito decidido e valente polas fontes de enerxía renovable e, en definitiva, pola protección do medio e polo aproveitamento dos recursos enerxéticos autóctonos [...] Entendemos que non só era desexable, senón tamén posible, aproveitar as sinerxías destas novas tecnoloxías como impulsoras do desenvolvemento económico”.

- “O proceso continuo de I+D no sector de compoñentes eólicos estase traducindo en grandes avances no deseño de novas xeracións de aeroxeradores. De feito, xa se están implantando nos parques galegos aeroxeradores de ata 2 MW de potencia, o que supón unha reducción en canto a número, superficie ocupada e, por tanto, impacto paisaxístico”.

- “Permítanme simplemente apuntar que Galicia está á cabeza de España en desenvolvemento eólico e que temos acadado a día de hoxe obxectivos que na UE e no conxunto de España están formulados como metas de futuro. En efecto, a UE propúxose como obxectivo que en 2010 o 22% da electricidade que se consuma proveña de fontes renovables. En España, este obxectivo elevouse ata o 30%. Fronte a eles, debemos destacar que hoxe en Galicia máis de 65% da enerxía eléctrica consumida é atendida por fontes de enerxía renovables”.

- “O Plan Eólico de Galicia foi, sen dúbida, o instrumento que permitiu dar este pulo no ámbito da enerxía eólica. Grazas a el puidemos actuar en materia de planificación, en investigación do potencial eólico e no estudo da infraestrutura eléctrica necesaria. Mais non podo deixar de resaltar o papel dos Plans Empresariais como medio de canalización dos esforzos, dos compromisos de investimento e da promoción de actuacións industriais asociadas”.

- “O Plan Eólico de Galicia permitiu crear un novo sector industrial na nosa Comunidade, de gran puxanza, coa conseguinte creación de emprego e de riqueza. De feito, nesta planta na que Fiberblade [filial de Gamesa], investiu 37 millóns de euros, traballarán 350 empregados, o que dará un novo pulo ao municipio das Somozas e a Ferrolterra”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia