Skip to main content

O Sergas facilita a atención odontolóxica das persoas con discapacidade

O Servizo Galego de Saúde está a facilitar, por medio dun convenio de colaboración establecido entre a Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago, a atención odontolóxica das persoas con discapacidade. Así, durante o ano 2004, solicitaron atención na unidade de pacientes especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago, 1.006 pacientes con minusvalías físicas, psíquicas e/ou sensoriais severas, dos que 533 eran varóns (53%) e 473 mulleres (47%). Para a atención deste colectivo foron necesarias un total de 1.130 citas, das que a gran maioría, (1.053) atendéronse con anestesia local.

Estes pacientes foron remitidos, na súa grande maioría, á antedita unidade, sita na Facultade de Medicina e Odontoloxía, polos odontólogos que desenvolven o seu traballo nos centros de saúde do Sergas, así como polos centros educativos e/ou asistenciais especializados no coidado da discapacidade. Respecto do seu lugar de procedencia, o 50% destes pacientes residían na provincia da Coruña, o 38% na de Pontevedra, o 7% na de Lugo e o 5% na de Ourense.

As patoloxías máis frecuentes que padecen as persoas atendidas nesta unidade de pacientes especiais son a síndrome de Down (102), a parálise cerebral (147), ou algún outro atraso intelectual profundo de etioloxía non filiada (285). Ademais, durante o 2004 recibiron tratamento odontolóxico 81 pacientes con autismo, 36 con enfermidade epiléptica e 335 diagnosticados de síndromes e enfermidades de baixa prevalencia denominadas xenericamente enfermidades raras e que cursan con discapacidade.

As sesións de tratamento baixo anestesia local (1.053), que como xa dixemos foron a gran maioría das actuacións, distribuíronse do seguinte xeito: 175 (16,7%) foron primeiras visitas, 200 foron revisións (19%), 159 obturacións (15%), 159 tartrectomías (15%), 75 exodoncias (7,2%), 73 próteses (6,9%), 28 selado de fisuras (2,7%), 16 endodoncias (1,6%), 13 cirurxía (1,2%), 5 xinxivectomía (0,5%) e 150 ortodoncias (14,2%).

Respecto das sesións que requiriron anestesia xeral (57 pacientes), que se realizaron no Hospital Médico Cirúrxico de Conxo, a duración media das intervencións foi de 78 minutos, cun mínimo de 10 e un máximo de 210 minutos. Recibindo todos os pacientes a alta médica o mesmo día da intervención.

MÁIS DE 2.500 BENEFICIARIOS

O convenio de colaboración establecido entre a Consellería de Sanidade para a aplicación do Programa de Atención Odontolóxica a Pacientes Especiais, en vigor dende o ano 1997, ten por obxecto a realización dun programa de asistencia odontolóxica a pacientes que presenten discapacidade psíquica e/ou discapacidade física por mor dunha lesión cerebral e que, polas súas circunstancias de discapacidade ou complexidade asistencial, non poidan ser atendidos nos servizos de odontoloxía de atención primaria de saúde e/ou teñan a necesidade dunha atención máis específica e especializada que a que normalmente se presta nestes centros. Deste xeito, ao abeiro deste convenio, estas persoas son remitidas á Unidade de Pacientes Especiais, sita na Facultade de Medicina e Odontoloxía, polos facultativos de atención primaria ou por aqueles centros educativos e/ou asistenciais especializados no coidado de discapacitados.

As afeccións odontolóxicas constitúen un problema de saúde que afecta a gran parte desta poboación posto que o colectivo de pacientes discapacitados presentan xeralmente unha hixiene bucodentaria deficiente, con elevados índices de placa bacteriana que, en moitos casos, xunto a unha dieta branda e rica en hidratos de carbono, orixina unha elevada prevalencia de caries e afeccións de encías. Estas persoas poden sufrir, ás veces, infeccións, que en ocasións poden chegar a cronificarse. É por iso, polo que, dende o ano 1997 o departamento que dirixe José Manuel González Álvarez mantén este convenio de colaboración coa Universidade de Santiago para a aplicación deste programa para pacientes con minusvalías severas, coa fin de procurar unha atención odontolóxica cun alto grao de satisfacción deste colectivo así como das súas familias.

Desde o seu inicio, e ata decembro de 2004, xa se beneficiaron desta iniciativa da Administración sanitaria galega 2.540 persoas con discapacidade (parálise cerebral, síndrome de down, etc.), cunha atención específica nas súas doenzas bucodentais (carie, enfermidade periodontal, problemas de índole oclusal, etc.).

MELLORA DA SAÚDE BUCODENTAL DA POBOACIÓN GALEGA

O Servizo Galego de Saúde está a amosar unha especial preocupación por mellorar a saúde bucodental da poboación galega en xeral e da dos rapaces en particular. Así, o 100% da poboación galega menor de 15 anos ten asignado un dentista de referencia para a execución do Programa de Saúde Bucodental do Sergas. Por conseguinte, a Administración sanitaria galega ten a firme intención de seguir potenciando estas unidades que, grazas ao traballo das mesmas, así como da colaboración que o departamento que dirixe José Manuel González Álvarez ten por parte dos educadores, pediatras, odontoestomatólogos, hixienistas e nais e pais galegos, estase a producir un notable descenso na porcentaxe de caries nos rapaces da nosa Comunidade Autónoma.

Así, a dita porcentaxe, en escolares galegos de seis anos, pasou do 73,8% ao 42% no período 1990-2000. En escolares de 12 anos esta prevalencia tamén reduciuse de xeito moi significativo ao pasar dun 90,20% do ano 1990 ao 61,10% do 2000.

Nas unidades de odontoloxía e saúde bucodental do Servizo Galego de Saúde véñense realizando actividades de carácter preventivo e de educación sanitaria con toda a poboación, pero, especialmente, coa infantil, colaborando como unidades de apoio en conseguir prestar uns servizos sanitarios eficientes, continuados e de calidade, neste primeiro nivel asistencial. En total, na actualidade, desenvolven o seu traballo na rede sanitaria pública galega 89 odontoestomatólogos e 38 hixienistas dentais repartidos en 79 unidades que dan cobertura ao conxunto da poboación da nosa Comunidade Autónoma.

A todo o antedito hai que engadir que a Consellería de Sanidade ven de editar a finais do pasado ano, dentro do seu Programa de Saúde Bucodental en Atención Primaria, 100 carpetas compostas cada unha delas por un vídeo, un CD Rom e preto de 40 diapositivas, que foron repartidas aos odontólogos que realizan o programa de saúde bucodental infantil nas 79 unidades de odontoloxía do Sergas. Este material está a servir de ferramenta para que os profesionais da Administración sanitaria galega poidan impartir educación sanitaria nos colexios e institutos de referencia do seu ámbito.




Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)