Skip to main content

Prado considera un símbolo de progreso na sociedade galego o incremento do emprego feminino no rural

O significativo incremento dos niveis de emprego acadados polas mulleres rurais galegas favoreceu o crecemento económico da Comunidade e supuxo un símbolo de progreso da sociedade. Así, o subliñou a titular do deparmento autonómico, Belén Prado, na xuntanza organizada no Carballiño polas asociacións de mulleres rurais Novas Vivenzas e A Revolta con motivo do Día da Muller Rural.

Na súa intervención, a conselleira sinalou que desde que a Xunta asimiu as competencias das políticas activas de emprego no ano 1998, o ritmo de creación de emprego feminino foi de constante crecemento. Prado destacou que máis da metade dos beneficiarios dos programas de iniciativas de emprego, fomento de contratación indefinida, cursos de formación e medidas de formación foron mulleres, unha porcentaxe que acadou o 99% no programa de conciliación da vida laboral e familiar.

Ademais, a reponsable de Emprego explicou que o seu departamento puxo en marcha este ano un programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego financiado con 5.000.000 de euros. O obxectivo desta medida é xerar emprego, preferentemente entre mulleres e mozos, a través de apoios ás novas iniciativas empresariais nos concellos rurais de Galicia. Estas axudas véñense a sumar aos outros incentivos existentes como o programa de fomento do desenvolvemento local, as iniciativas locais de emprego e as iniciativas de emprego rural, entre outros.

A conselleira de Asuntos Sociais loubou tamén o labor que desenvolven as asociacións de mulleres rurais, promovendo unha gran variedade de accións formativas, apoiando o espírito emprendedor e a dotación de infraestructuras.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia