Skip to main content

O Igape apoia, con subvencións de ata o 70%, a elaboración de diagnósticos empresariais integrais

Ao abeiro das bases reguladoras que vén de publicar o Diario Oficial de Galicia (16 de maio de 2005), o Igape apoiará a elaboración de diagnósticos empresariais integrais ou destinados a analizar a capacidade de internacionalización dunha empresa. Os diagnósticos deberán entenderse como análises profundas e rigorosas das empresas solicitantes, e os apoios consistirán en subvencións a fondo perdido que cubrirán con carácter xeral o 70% dos custos.

Esta subvención pode acadar o 90% no caso dos diagnósticos promovidos por empresas de carácter familiar, empresas de carácter cooperativo ou baixo outras fórmulas de economía social, así como nos promovidos por empresas que desenvolvan algunha das actividades consideradas preferentes nas bases reguladoras, actividades entre as que se atopan a fabricación de compoñentes ou repostos de automoción, a industria téxtil, da madeira ou da pedra natural.

Para seren subvencionables, os diagnósticos integrais deben incluír análises da empresa, contorno e mercado, dos procesos primarios da cadea de valor, da imaxe corporativa e da dinámica da estrutura económico-financeira. Tamén deberán conter a definición dos puntos fortes e débiles detectados na análise interna da empresa, e das ameazas e oportunidades do mercado e do contorno que fosen detectados na análise externa (matriz DAFO). Para rematar, os diagnósticos terán que incluír obxectivos estratéxicos de acordo cos resultados da análise DAFO, un plan de futuro temporizado coas accións detalladas que podería desenvolver a empresa para mellorar e unha análise económica-financeira consecuencia da posta en marcha do plan que se pretende abordar.

Para os diagnósticos sobre a capacidade de internacionalización dunha sociedade, a análise da empresa, do contorno e do mercado deberá incluír, entre outros aspectos, unha análise do sector nos mercados considerados como obxectivo: análise de produtos/prezos, en relación coa competencia e as canles de comercialización, diagnosticando a capacidade de penetración.

Poden beneficiarse desta liña de axudas as pequenas e medianas empresas que teñan radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo en Galicia. Deberán ter cinco ou máis empregados por conta allea e estaren ao corrente das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social. Por outra banda, as Pemes beneficiarias deberán ter encargado o diagnóstico a unha empresa de consultaría que se comprometa a revisalo e adaptalo coa fin de que poida ser validado polo Instituto.

Para presentar as súas solicitudes de axuda, as empresas deberán cubrir previamente un modelo telemático normalizado e descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo http://www.tramita.igape.es. A fin de prestar asistencia técnica na cobertura deste modelo telemático normalizado, o Igape pon a disposición dos interesados o seu Servizo de Atención Telemática, cun sistema de cita previa concertada a través de internet ou no teléfono 902 300 903.

Tras cubrir todos os campos obrigatorios, a aplicación emite un identificador de documento electrónico (IDE) que deberá incluírse logo na solicitude de axuda, tanto se é presentada por vía telemática, no rexistro telemático da Xunta de Galicia, como por sistema presencial, no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia