Skip to main content

Belén Prado salienta a eficacia das políticas de emprego a prol da igualdade laboral das mulleres

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, destacou os avances acadados en Galicia nos últimos anos a prol da igualdade laboral entre homes e mulleres. Prado, que participou nunha xornada sobre muller e emprego organizada pola asociación Mulleres pola Democracia en Santiago, destacou que máis de 93.000 mulleres obtiveron un posto de traballo nos últimos sete anos, dende que a Xunta asumiu as políticas activas de emprego.

A titular de Asuntos Sociais salientou que, dende 1998, a taxa de ocupación feminina incrementouse en 6,5 puntos e a taxa de paro entre as mulleres reduciuse en 4,9 puntos. Prado apuntou tamén o aumento da afiliación á seguridade social, que acadou recementemente as 405.291 cotizantes.

FOMENTO DO EMPREGO

A conselleira destacou a discriminación positiva da muller nas políticas de fomento de emprego da Xunta, que conceden un sobreincentivo económico cando a beneficiaria é unha muller. É o caso das axudas á creación de contratos indefinidos, do propio posto de traballo ou da adquisición da condición de socio dunha cooperativa. Ademais, este ano introduciuse unha nova liña de axudas para financiar os gastos de inicio de actividade de empresas de economía social en concellos rurais constituídas exclusivamente por mulleres ou mozos.

As mulleres teñen tamén prioridade á hora de acceder a determinados programas destinados a mellorar a empregabilidade dos beneficiarios. É o caso das escolas obradoiro, dos obradoiros de emprego ou do programa Labora, entre outros.

Ademais, Belén Prado lembrou as medidas que o seu departamento puxo en marcha para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, das que se beneficiaron maioritariamente mulleres. Así, a Xunta ofrece incentivos económicos no pago á Seguridade Social ás empresas que contraten ou reincorporen, con carácter indefinido, a un traballador tras un periodo de descanso por maternidade/paternidade, adopción ou acollemento de menores. Tamén se lles ofrece ás empresas unha axuda de 2.400 euros no caso de que fagan contratos de interinidade para substituír a persoas en excedencia de ata tres anos por coidado de familiares.

Por outra banda, a consellería de Asuntos Sociais impulsa dende este ano a creación de garderías infantís nas empresas e parques empresariais para atender aos fillos dos traballadores durante a xornada laboral. A medida concrétase en incentivos para contratar persoal especializado nestes centros.

Belén Prado sinalou que a Xunta traballa tendo como referencia o obxectivo establecido nos cumios de Lisboa e Estocolmo de situar a taxa de ocupación feminina no 60% da poboación activa en 2010.





Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia