Skip to main content

Caixanova colaborará coa Xunta na posta en marcha de accións dirixidas a mellorar a calidade de vida dos maiores dependentes e dos seus coidadores

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, e o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, asinaron en Santiago un convenio de colaboración ao abeiro do cal esta entidade financeira se compromete a achegar un total de 300.000 euros para cooperar co Goberno autonómico na posta en marcha de accións dirixidas á mellora da calidade de vida dos maiores dependentes e dos seus coidadores. No acto de sinatura tamén participaron a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo, e a directora xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade, Elisa Madarro.

Neste ámbito concreto, a Xunta de Galicia traballa nunha dobre vertente. Dunha banda, no ámbito da prevención, e pola outra, no da atención aos maiores, mediante o desenvolvemento de programas de axuda a domicilio, posta en marcha de centros de día e atención residencial. Estas liñas de acción están recollidas no Plan Galego de Persoas Maiores promovido pola Xunta de Galicia co fin de consolidar unha “rede cada vez máis extensa de recursos humanos e materiais que garantan a cobertura que demanda a realidade social e demográfica galega”, tal e como subliñou Manuel Fraga no acto de sinatura do convenio.

INSTITUCIÓN FUNDAMENTAL DENTRO DO TECIDO PRODUTIVO

Tal e como asegurou o mandatario autonómico, a colaboración entre a Xunta e as diferentes institucións “fundamentais” no tecido social e produtivo da Comunidade Autónoma, como é o caso de Caixanova, é fundamental para acadar melloras na calidade de vida da poboación. Así, a contía que achega esta entidade financeira destinarase a incrementar e mellorar o número e accesibilidade dos recursos asistenciais e a calidade de vida das persoas maiores dependentes promovendo accións de investigación e formación, entre outras. Unha Comisión de Seguimento, que se creará para a supervisión do convenio, fixará as accións concretas que se realizarán.

Pola súa banda, o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso amosou a súa satisfacción pola sinatura do presente convenio e incidiu en que actos coma o de hoxe contribúen a reafirmar a idea de que coa colaboración institucional e de Caixanova se poden poñer en marcha moitos proxectos “porque hai coincidencia plena de intereses e de obxectivos”. Neste sentido, Julio Fernández Gayoso lembrou que a entidade financeira que dirixe colabora con distintos departamentos da Xunta de Galicia e que está a traballar “duro” no desenvolvemento dun plan estratéxico para a vela.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA SINATURA DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E CAIXANOVA PARA A REALIZACIÓN DE ACCIÓNS DIRIXIDAS A MELLORAR A CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS DEPENDENTES E DOS SEUS COIDADORES

-“Quixera, en primeiro lugar, expresar o noso agradecemento, no meu nome e no do Goberno, a Caixanova por esta mostra do seu compromiso coa sociedade galega e da súa vontade de cooperación permanente coa Xunta de Galicia”.

-“Neste caso, trátase da sinatura dun convenio mediante o que esta entidade se compromete a ofrecer fondos que serán empregados pola Xunta para o financiamento de diversos programas nos ámbitos da prevención e da atención á dependencia durante este ano 2005”.

-“Na Xunta de Galicia tratamos de dar resposta á dependencia con dúas liñas de actuación principais: a prevención e a atención. Neste último caso, os nosos programas susténtanse en tres piares fundamentais: a axuda a domicilio, os centros de día e a atención residencial”.

-“Á consolidación desta rede e a outros programas irán destinados gran parte dos 300.000 euros que hoxe Caixanova se compromete a achegar, nun acto no que queda clara, unha vez máis, a importancia da colaboración entre a Xunta e institucións fundamentais no tecido social e produtivo da nosa comunidade”.

-“Da suma destes esforzos, estou convencido que seguirán xurdindo novos proxectos cos que, en definitiva, se poida seguir mellorando a calidade de vida de todos os galegos”.

CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA E CAIXA GALICIA PARA O FINANCIAMENTO DO PROGRAMA DO CHEQUE ASISTENCIAL

OBXECTIVOS

O obxectivo deste convenio de colaboración consiste en articular as accións dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e dos seus coidadores. Entre os programas que o Goberno autonómico promove neste ámbito destaca o do cheque asistencial, programa destinado a axudar economicamente a aquelas persoas maiores que, debido a unha situación de severa ou gran dependencia, precisan doutra persoa para desenvolverse na vida cotiá e teñen gastos extraordinarios derivados da súa atención e coidado.

COMPROMISOS

A Xunta de Galicia e Caixanova, actuando no ámbito da súa Obra Benéfico-Social, acordan desenvolver un convenio de colaboración mediante o cal a entidade financeira se compromete a achegar 300.000 euros destinados a financiar a realización de accións encamiñadas a incrementar e mellorar o número e accesibilidade dos recursos asistenciais e a calidade da atención a persoas dependentes. Así mesmo, promoveranse actividades de investigación e formación neste ámbito.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia comprométese a executar as accións previstas neste programa, do que tamén é copartícipe Caixanova.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia